lunes. 29.04.2024

Carreira das Empresas de Galicia, un evento solidario

O próximo 8 de outubro as empresas galegas teñen unha cita deportiva e solidaria no Porriño. A vila do Louro acolle a primeira edición dun evento pioneiro na comunidade, a Carreira das Empresas de Galicia, un formato novo dentro do running que fomenta a práctica deportiva nas empresas apostando polo benestar a nivel personal e laboral.
O evento, organizado por Interrunning Club en colaboración do Concello do Porriño, presentouse hoxe nun acto que contou coa participación do alcalde, Alejandro Lorenzo.
O evento, organizado por Interrunning Club en colaboración do Concello do Porriño, presentouse hoxe nun acto que contou coa participación do alcalde, Alejandro Lorenzo.

O próximo 8 de outubro as empresas galegas teñen unha cita deportiva e solidaria no Porriño. A vila do Louro acolle a primeira edición dun evento pioneiro na comunidade, a Carreira das Empresas de Galicia, un formato novo dentro do running que fomenta a práctica deportiva nas empresas apostando polo benestar a nivel personal e laboral.

O evento, organizado por Interrunning Club en colaboración do Concello do Porriño, presentouse hoxe nun acto que contou coa participación do alcalde, Alejandro Lorenzo; o concelleiro de Deportes, Abel Estévez; Fredy Velasco, representante da organización; David Sobral, Secretario Xeral de Fegape; Jacobo López, CEO de LaserGalicia principal patrocinador do evento e Natalia Dieste, directora de Bicos de Papel, asociación de axuda aos nenos oncolóxicos do Hospital Álvaro Cunqueiro á que se destinará o 100% do recadado coas inscricións.

Tal e como explicou Velasco, “trátase dun evento único en Galicia que nace con dous obxectivos. O principal, colaborar coa asociación Bicos de papel que está a facer unha labor magnífica e recadar o máximo posible para que poidan seguir axudando a estes nenos e nenas que tanto o necesitan. E un segundo, fomentar o deporte nas empresas, algo que está demostrado repercute moi positivamente na súa actividade”.

O representante de Interrunning destacou que na Carreira das Empresas poden participar todas as persoas maiores de 16 anos, de maneira individual ou por equipos, camiñando na andaina de 6K  ou correndo nas modalidades de 5 km ou 10 km. Unha proba aberta tanto ás empresas como para aqueles que queiran participar de maneira individual. Tamén os pitufos, os nenos e nenas nados a partir do 1 de xaneiro de 2019, terán a súa proba tamén correndo 100 m.

Ademais, ponse a disposición dos participantes e empresas que non poidan asistir á carreira un Dorsal 0 co que poderán participar cunha doazón para a asociación Bicos de Papel.

Natalia Prieto, a directora de Bicos de Papel, agradeceu á organización e ao Concello do Porriño esta iniciativa solidaria xa que “estas iniciativas son moi importantes para nós, non so polo respaldo económico que nos permite seguir prestando a nosa axuda, senón tamén para visibilizar a nosa causa, a loita contra o cancro infantil, unha loita que é de todos”.

Pola súa banda, David Sobral, en representación dos polígonos industriais do Porriño e do tecido empresarial amosou a súa satisfacción “de que este evento se desenvolva no Porriño” e destacou que “está a ter unha gran acollida nas empresas con centos de persoas inscritas”. Sobral convidou a todo o mundo a participar xa que “o vindeiro 8 de outubro teremos a oportunidade de ver no casco urbano a ese Porriño referente en deporte, en empresa e en solidariedade”.

No mesmo sentido se expresou o Ceo de LaserGalicia quen contou que a idea de poñer en marcha xurdiou no seo dun grupo de whatsapp da empresa, que sempre están a traballar para realizar eventos deste tipo e “tivemos moi claro que había que axudar a Bicos de Papel. Ninguén mellor que Interrunning Club e o Concello do Porriño para poñelo en marcha”.

O alcalde, Alejandro Lorenzo, agradeceu á organización e patrocinadores a súa iniciativa e destacou que esta proba “é unha oportunidade para unir ao tecido empresarial de Galicia e ser un punto de encontro de traballadores e empresas dos distintos sectores. Que mellor lugar que O Porriño, motor industrial do sur de Galicia e Concello do Deporte, para acollela”. O rexedor destacou tamén o carácter solidario desta carreira xa que “mentres facemos deporte e nos divertimos, estamos axudando a todos eses pequenos e pequenas que están a atravesar un momento difícil e contribuíndo a facerllo un pouquiño menos duro a través de Bicos de Papel, aos que agradezo enormemente o labor que realizan”.

O alcalde concluíu lembrando que a “inscrición continúa aberta ata o 5 de outubro” e animando a todos e todas a “calzar as deportivas e correr por unha boa causa”.

Inscricións en: https://ccnorte.com/evento/detalle/id/2610/carrera-de-empresas-galicia-2023-porrino

Carreira das Empresas de Galicia, un evento solidario
Comentarios