O Diario Oficial de Galicia acaba de publicar a resolución do 6 de xullo de 2020, da Secretaría Xeral para o Deporte, pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de prazas, en réxime de concorrencia competitiva, de tecnificación e rendemento deportivo para o Centro Galego de Tecnificación Deportiva para a tempada 2020/21, e se procede á súa convocatoria. Deste xeito, a Xunta de Galicia convoca un total de 160 prazas paras os grupos de tecnificación (103) e de rendemento deportivo (57). A duración das prazas será dende o 15 de setembro de 2020 ata ao 31 de xullo de 2021, exceptuando o grupo de tecnificación que rematará a última semana do período lectivo. Cómpre destacar que nesta convocatoria teranse en conta os resultados dos tres últimos anos -2018, 2019 e 2020- para valorar aos deportistas solicitantes das prazas para o CGTD como medida excepcional pola situación vivida no presente curso pola pandemia provocada pola Covid.19.
As 103 prazas do grupo de tecnificación serán para os deportistas nados nos anos 2006, 2005, 2004 e 2003. Dentro deste grupo haberá ata un máximo de 86 residentes 1 (deportistas que residan fóra do radio de 3 quilómetros á redonda do centro con matrícula no IES, incorporación ao grupo de adestramento da modalidade, aloxamento, manutención completa e acceso a instalacións e servizos) e 17 externos 1 (deportistas que residan dentro do radio de 3 quilómetros á redonda do centro con matrícula no IES, incorporación ao grupo de adestramento da modalidade, xantar no comedor da residencia e acceso a instalacións e servizos).
As 57 prazas do grupo de rendemento serán para os deportistas maiores de 18 anos que se dividirán entre un máximo de 12 residentes 2 (deportistas nados entre 1995 e 2002, que residan fóra do radio de 3 quilómetros á redonda do centro con incorporación ao grupo de adestramento da modalidade, aloxamento, manutención completa e acceso a instalacións e servizos) e 45 externos 2 (deportistas nados entre 1995 e 2002 que residan dentro do radio de 3 quilómetros á redonda do centro con incorporación ao grupo de adestramento da modalidade, xantar no comedor da residencia e acceso a instalacións e servizos).
Ademais, a Secretaría Xeral para o Deporte reserva para si unha porcentaxe de non máis do 10% das prazas, que poderá cubrir durante todo o curso académico en función de situacións non recollidas nesta resolución, sempre cumprindo uns criterios de excelencia deportiva e nivel académico acordes coas bases desta convocatoria.
Como novidade, cómpre destacar que as s prazas máximas do grupo de tecnificación distribuiranse entre as modalidades e especialidades deportivas do seguinte xeito, atletismo lanzamentos: 6 prazas (5 residentes + 1 externo); bádminton: 7 prazas (6 residentes + 1 externo); judo: 10 prazas (8 residentes + 2 externos); karate: 4 prazas (4 residentes); loita: 10 prazas (8 residentes + 2 externos); natación pura e augas abertas: 10 prazas (8 residentes + 2 externo); piragüismo slálom: 6 prazas (5 residentes + 1 externo); piragüismo augas tranquilas: 20 prazas (17 residentes + 3 externos); remo: 6 prazas (5 residentes + 1 externo); taekwondo: 10 prazas (8 residentes + 2 externos); tríatlon: 8 prazas (7 residentes + 1 externo) e vela: 6 prazas (5 residentes + 1 externo).
CGTD
O deporte galego ten no Centro Galego de Tecnificación Deportiva (CGTD) a instalación de referencia da súa excelencia competitiva, unha excelencia que contempla, por suposto tamén, a formación académica dos deportistas coa finalidade de conseguir a súa formación integral. Este centro naceu no curso 1987-88 aproveitando as instalacións do Estadio da Xuventude e a residencia de estudantes Atlántico da cidade de Pontevedra. Co paso do tempo foise transformando nun moderno complexo deportivo no que se formaron os mellores deportistas de Galicia e, na actualidade, dálles cabida aos principais deportistas e promesas do deporte galego.
No 2007 e no 2010, respectivamente, incorpóranse á órbita e área de influencia deportiva do CGTD as instalacións do Centro Deportivo Pontillón do Castro e o Centro Galego de Tecnificación de Vela en Vilagarcía, instalacións que completan a preparación dos principais deportistas de piragüismo e vela.
A lista de deportistas que chegaron á cima das súas modalidades logo de formarse neste Centro é moi longa, podendo destacar entre eles a 20 deportistas olímpicos e 2 paralímpicos cunha colleita total de 11 medallas dende os Xogos Olímpicos de Sídney 2000.
Cómpre destacar que a Xunta de Galicia atende ao Centro Galego de Tecnificación cun investimento de 4 millóns de euros para o seu mantemento e mellora desde 2008. Dentro destas actuacións resalta a obra de accesibilidade, rematada a finais de 2019 e que contou cun orzamento de 733.740 euros.