viernes. 22.11.2024

O Porriño volverá ser este domingo epicentro do ciclismo . Máis de 600 deportistas subiranse á bici para pedalear polos montes da parroquia de Budiño nas dúas probas organizadas pola AD Avanza: o V Trofeo Mini BTT Concello do Porriño e o II XCO Trofeo Concello do Porriño.

O alcalde, Alejandro Lorenzo, e o concelleiro de Deportes, Abel Estévez, acompañados polo presidente da AD Avanza, David García, o vicepresidente, Oscar Estévez, e os presidentes da AC A Forna e da Comunidade de Montes de Budiño, Olga Romero e Manuel Rodríguez respectivamente, presentaron onte a proba no que será o punto neurálxico do evento: o centro cultural A Forna de Budiño.  Xunto a eles, representantes da Federación Galega de Ciclismo e a base do club porriñés.  

O alcalde felicitou á organización non só por “impulsar este tipo de eventos que poñen en valor tanto a práctica deportiva como a nosa contorna” senón tamén “polo impagable labor que fan coa súa canteira, dando a oportunidade a moitos pequenos e pequenas de coñecer, practicar e medrar no ciclismo”.

Pola súa banda, o presidente da AD Avanza quixo agradecer publicamente á Comunidade de Montes de San Salvador de Budiño “que colaboraron en todo momento con nós e permitíronnos facer o circuíto nos seus terreos”, á asociación de veciños de A Forna “que puxeron á nosa disposición as instalacións da casa cultural” e “aos veciños da zona por permitirnos o paso por algunhas fincas privadas e polo seu entusiasmo con nenos e nenas da escola”. Un agradecemento que fixo extensivo aos patrocinadores e colaboradores e “por suposto ao Concelllo toda a colaboración e axuda que nos brindan”.

V Mini BTT Trofeo Concello do Porriño

Arredor de 480 nenos e nenas, de entre 4 e  14 anos, participarán na quinta edición do torneo. A saída darase ás 9:30 h no Centro Cultural A Forna.

A proba consta de 6 categorías: Benxamíns, Promesas, Principiantes, Alevíns e infantís.

 II XCO Trofeo Concello do Porriño

A segunda edición do trofeo congregará arredor de 200 ciclistas.  A proba arrancará ás 17 h no Centro Cultural A Forna. A proba estará aberta para as categorías de Élite (masc-fem), Sub23 (masc-fem), Junior (masc-fem), Cadete (masc-fem) e Master30/40/50/60 (masc-fem).

600 deportistas pedalean polos montes da parroquia de Budiño