Oito espectáculos conforman a programación de outono que do 6 de outubro ao 24 de novembro se poderá gozar no Teatro Municipal de Tui. Teatro, música, maxia e cinema centran esta proposta cultural.
A programación foi presentada esta mañá na casa do concello de Tui pola concelleira de Ensino, Cultura e Mocidade, Sonsoles Vicente, e a primeira tenente de alcalde, Ana Núñez, xunto a Alba Caneda, actriz, Antela Cid, produtora, e Fran Peleteiro, produtor da Compañía Humana, e Laura De Gabriel Alberti, produtora e cantante de Uxía Lambona, dúas das compañías que actuarán no Teatro Municipal este outono.
A concelleira de Cultura, Sonsoles Vicente, destacou na súa intervención que “o Teatro Municipal de Tui goza de moi boa saúde, conta cun público estable”. Salientaba que grazas á pertenza á Rede Galega de Teatro e Auditorios podemos gozar dunha programación ampla “na que se este concello vai seguir implicado e participando porque é aposta que imos seguir facendo ”. Destacou a colaboración do AGADIC a través e o compromiso e implicación do concello. Salientou coma se oferta unha proposta para todos os públicos cunha programación moi variada.
Pola súa a primeira tenente de alcalde, Ana Núñez, aludiu tamén a aposta clara que o Concello de Tui fai polo mundo da cultura nas distintas programacións que se realizan ao longo do ano, cunha selección para todos os públicos e presentando distintos xéneros. “Tui destaca pola súa cultura” afirmaba a concelleira.
Dos oito espectáculos previstos catro son para público infantil e familiar e catro para público adulto.
A Compañía Humana será a encargada de abrir esta programación o próximo venres 6 de outubro con “Iphixenia”, unha revisión contemporánea do clásico de Eurípides. Sara Rey dirixe esta obra interpretada por Alba Caneda. Tal e coma explicaba hoxe actriz protagonista salientaba que esta é “unha obra necesaria” na que denuncia os recortes, principalmente no ámbito da sanidade, pero se abordan tamén sociais. Antela Cid e Fran Peleteiro, actores que agora contan coa súa propia compañía Humana, salientaban que “este é un texto que conecta con moito público e coa xuventude” e aludían a que esta é a primeira vez que este texto galardoado noutros países se presenta en galego nunha revisión contemporánea na que “Iphixenia se sacrifica polo ben da sociedade”.
Talía Teatro representará o venres 20 de outubro “Unha inimiga do pobo”, unha adaptación do clásico de Ipsen dirixido por Tito Asorey e interpretado por Marta Lado, Toño Casais, Dani Trillo, Rubén Prieto, Marta Ríos, María Ordóñez, Diego Rey, Artur Trillo e Xurxo Barcala. Unha prestixiosa médica que volve á súa vila para emprender novos proxectos é a protagonista desta historia na que loita por preservar a saúde da poboación fronte aos intereses económicos.
Outra historia protagonizada por unha muller chegará coa proxección da película “Matria” de Álvaro Gago. María Vázquez obtivo o Premio á mellor actriz no Festival de Málaga pola interpretación de Ramona. A cita será o venres 10 de novembro.
Pechará esta programación o 24 de novembro Redrum Teatro con “Hamelin”. Alex Sampayo dirixe esta obra baseada no texto de Juan Mayorga e interpretada por Guillermo Carbajo, Roberto Leal, Belén Constenla, Mónica García, Machi Salgado, Rubén Porto e Fran Lareu. De forma sutil aborda as diversas formas de violencia sobre nenos e nenas nunha cidade Hamelin, que podería ser calquera cidade.
O público infantil e familiar contará tamén con catro espectáculo. O ilusionista Joshua Kenneth presentará o seu espectáculo de maxia “Degustación de imposibles” o venres 13 de outubro.
Unha revisión do clásico “Pedro e o lobo” chegará ao Teatro Municipal o venres, 27 de outubro, con Fantoches Baj. Inacio Viñariño é o director e tamén actor xunto a Larraitz Urruzola, e Luchi Iglesias desta obra na que empregan marionetas manipuladas coa técnica xaponesa do bunraku e acompañadas coa música do clásico de Prokofiev.
“Un soño é…” é o novo espectáculo de Uxía Lambona e a Banda Molona que estará en Tui o venres, 3 de novembro. O fío conductor do espectáculo son os soños de cada un dos integrantes da banda, Ñoc, Pali, Abraham, Serghaño, Roscón e Uxía, tal e coma hoxe explicaba Laura De Gabriel. Sinalaba que este non será “un concerto ao uso” xa que terá unha gran parte de animación. Laura De Gabriel animaba “á rapazada a cantar e bailar con nós” nas versións que fan de cancións galegas e temas propios.
O venres, 17 de novembro, Baobab Teatro representará “Ás para Álex”. Andrea Bayer e Óscar Ferreira dirixen a Cora Velasco e Xose Esperante neste espectáculo protagonizado por Alex, un neno de 8 anos, ao que Laura lle ensina a cambiar a mirada logo de ter que renunciar a todo o que lle gustaba tras perder a mobilidade.
A cita será cada venres ás 19.30 h para os espectáculos infantís e ás 21.30 h no caso dos dirixidos a público adulto. As entradas están á venda dende hoxe en tui.gal con prezos que oscilan entre os 3€ e os 10€ en función do espectáculo, e os descontos establecidos. Pódense adquirir até quince minutos antes do inicio da función.
Programación de Outono no Teatro Municipal de Tui
- Compañía Humana - Iphixenia na porta do súper
- Venres, 6 outubro, ás 21.30 h
- Xénero Monólogo teatro
- Publico +12 anos
- Joshua Kenneth con “Degustación de Imposibles”
- Venres, 13 outubro, ás 19.30 h
- Xénero Maxia familiar
- Publico Todos os públicos
- Talía con “Unha inimiga do pobo”
- Venres, 20 outubro, ás 21.30 h
- Xénero drama
- Publico adulto +14 anos
- Fantoches Baj con “Pedro e o lobo”
- Venres, 27 outubro, ás 19.30 h
- Xénero monicreques
- Público +4 anos
- Uxía Lambona e a banda molona con “Un soño é…”
- Venres, 3 novembro, ás 19.30 h
- Xénero musica infantil
- Público Todos os públicos
- Cinema Matria
- Venres, 10 novembro, ás 21.30 h
- Xénero cine
- Publico +12 anos
- Baobab Teatro con “Ás para Álex”
- Venres, 17 novembro, ás 19.30 h
- Xénero infantil familiar
- Publico +5 anos
- Redrum Teatro con “Hamelin”
- Venres 24 novembro, ás 21:30 h
- Publico adulto +14 anos