lunes. 06.05.2024

O Festival Sinsal SON Estrella Galicia, que se celebrará do 23 ao 25 de xullo, anuncia novas actividades paralelas coa intención de poñer en valor o patrimonio ambiental da Illa de San Simón. A cita musical, cuxo cartel secreto encabeza o propio territorio, ofrecerá un paseo en catamarán dunha hora e media pola enseada de San Simón o sábado 24 de xullo, en horario de mañá.

Sinsal Esencial, tal e como se denomina esta edición do festival, quere facer fincapé nos valores máis esenciais e salientables do evento: a sostibilidade, a natureza, a experiencia e a música ao vivo de creadoras e creadores galegos. Neste percorrido en catamarán, que partirá do embarcadoiro de San Adrián de Cobres ás 12.00 horas, o público asistente -un máximo de 60 persoas- poderá coñecer, durante unha hora media, este enclave da man e experiencia dunha guía especializada. A memoria da illa e a historia do seu patrimonio, xunto á natureza e espectacular contorna de San Simón, serán os fíos condutores dunha proposta que, como non podería ser doutro xeito, tamén inclúe un secreto musical.

A cita no catamarán engade a estrea en directo, durante o paseo, do novo disco dun artista galego, que o público descubrirá no momento de subir ao barco. O artista ofrecerá un concerto en acústico de 40 minutos para dar a coñecer, en primicia, este traballo discográfico. Deste xeito, Sinsalaudio mantén a súa aposta pola promoción do talento do país á vez que relaciona a cultura galega coa súa contorna natural.

As entradas para o paseo en catamarán pola enseada de San Simón sairán á venda o luns 19 ás 12.00 horas a través da plataforma Enterticket. Para máis información, o público pode visitar a páxina web oficial do festival, https://festival.sins.al.

OBXECTIVO

O festival Sinsal SON Estrella Galicia celébrase desde o ano 2010 na Illa de San Simón co obxectivo de achegar unha programación coidada de artistas emerxentes e contemporáneos da escena estatal e portuguesa á vez que pon en valor o patrimonio natural e histórico da Illa (en realidade, un pequeno arquipélago conformado por San Simón e San Antón, declarado Ben de Interese Cultural) situada no corazón de Ría de Vigo. Ao longo da súa traxectoria, Sinsal acadou diversos recoñecementos nos Premios FEST e nos Iberian Festival Awards tanto pola súa programación como polo desenvolvemento da súa Estratexia de Sustentabilidade.

Logo da pandemia por mor da covid-19 e unha edición no litoral das Rías Baixas, Sinsal regresa á Illa de San Simón nunha edición na que recupera a esencia da proposta: tres xornadas de música ao vivo, contacto coa natureza e a historia, e un cartel secreto encabezado pola propia illa atlántica. Un total de catorce artistas de estilos diversos  procedentes de Galicia, Portugal, España ou Estados Unidos daranse cita, entre os días 23 e 25 de xullo, no Sinsal Esencial.

Sinsal Esencial ofrece paseo pola ensenada de San Simón