"Se non vence o comunismo e vence o capitalismo, especialmente despois de Trump, o mundo será unha miseria". Así se expresaba o académico e investigador, Xesús Alonso Montero, onte no Auditorio do Museo MARCO de Vigo, durante o acto organizado polo Club Faro de Vigo, acompañado por Carmen Blanco e Olivia Rodríguez, para presentar os catorce discursos recollidos no libro "Palabras para o noso tempo", editado por Alvarellos, un volume que serve igualmente para percorrer episodios da literatura ou da historia galega e dos seus personaxes sobranceiros.
A publicación xurdiu a raíz da coincidencia nun cabodano en homenaxe a Isaac Díaz Pardo co pintor de terras de Amoeiro, Antón Pulido, o mesmo que lle suxeriu a idea de rexistrar os discursos.
Durante a súa intervención no MARCO, aproveitou para demandar unha placa con letras de ouro que recorde que antes de ser un Centro de Cultura, foi cárcere e igualmente palabras para un preso "un home ao que lle debo moito e que era de dereitas porque viña dunha aldea, dunha familia moi tradicional. Estaba no humus antropolóxico de misa e clero. Chamábase Benito Alonso e era meu pai".
Xesús Alonso Montero recomendou ler o discurso que fixera para o Día das Letras Galegas, dedicado a Fernández del Riego, no encontro do destacado escritor con Luis Seoane e a súa dona no porto de Vigo, tras unha viaxe por Europa. Intelectual e político que dedicou gran parte da súa vida a promover a cultura galega.
Durante o acto, Alonso Montero sinalou que botara en conta as alocucións realizadas en Vigo, contabilizando 5.150, das veces que acudira aos cárceres a dar clase ou pronunciar unha conferencia, encontro que figura no libro recentemente editado por Alvarellos.