A Cidade da Cultura de Galicia convocará un concurso para elixir unha obra de arte conectada co universo simbólico dos Camiños de Santiago que ocupará o emprazamento no que se sitúa a Bóla de libros, nome co que se coñece de xeito coloquial á peza de Alicia Martín que leva por nome Singularidade.
A Bóla de libros, que onte comezou a ser desmontada seguindo as indicacións da súa creadora, será refeita tamén baixo a supervisión de Alicia Martín e situada no interior do Museo Centro Gaiás, buscando así un emprazamento que favoreza a súa conservación ao evitar o deterioro derivado das inclemencias meteorolóxicas.
Singularidade exhíbese na Cidade da Cultura desde o 2011, converténdose ao longo destes dez anos nunha das obras más icónicas e fotografadas do Gaiás. Cando se presentou formaba parte da exposición Inside, unha das propostas da primeira programación do Gaiás, precisamente no ano no que abría as súas portas ao público.
No marco do Xacobeo 2021-2022, e dentro do abano de accións que está a emprender a Xunta de Galicia para promover a creación cultural en Galicia, a Cidade da Cultura convocará un concurso no que se convidará a artistas a presentar propostas orixinais e inéditas que estean conectadas co Camiño de Santiago. As bases do concurso serán dadas coñecer proximamente.
A Cidade da Cultura, que limita ao sur coa Vía da Prata, quere reforzar así a súa relación co Camiño e contribuír a dar difusión e visibilidade á cultura xacobea. A nova obra sumarase a outras propostas localizadas nos exteriores do Gaiás, como o mirador Espellos de Manolo Paz, Constelacións II –coñecida como o Banco do Peregrino- de Clara Montoya ou Deixa aquí os medos de Alicia Framis, así como diversas intervencións temporais coas que se busca estender aos espazos verdes do Gaiás a actividade cultural.