domingo. 24.11.2024

O actor Miguel de Lira (Miguel Domingo García), que debe o seu nome artístico aos seus orixes na parroquia de Santa María de Lira, no concello de Carnota, recibirá o Premio Cinema Galego do FICBUEU 2022. Este galardón recoñece cada ano a traxectoria na industria audiovisual galega de profesionais do sector, uníndose a anteriores premiados como Alfonso Agra, Antonio Durán ‘Morris’, Mabel Rivera, Luis Zahera ou Melania Cruz.

Un extenso percorrido profesional que deu comezo durante os seus estudos universitarios, cando entra en contacto co mundo teatral e convértese en membro fundador do grupo Chévere, Premio Nacional de Teatro en 2014, no que traballa como director, actor e produtor dende 1986. Tres anos despois daría o salto á pequena e á gran pantalla, debutando na TVG no programa de humor Velaí…. e no cinema coa película Urxa. 

Entre as dúas pantallas foi densenvolvendo gran parte da súa extensa e exitosa carreira, participando en series como Mareas Vivas, Pepe o inglés, Los hombres de Paco ou Matadero, e en filmes como Entre bateas, Crebinsky ou Eroski Paraíso, a cal tamén interpretou en teatro, outra das súas paixóns, coa súa compañía Chévere.

No ámbito do cinema ten participado en gran cantidade de curtametraxes e en máis de vinte longametraxes, sendo os máis recentes e destacados Cuñados de Toño López, Ons de Alfonso Zarazuza, Dhogs de Andrés Goteira ou A esmorga de Ignacio Vilar.

Con un gran palmarés que inclúe tres premios a Mellor Actor nos Mestre Mateo dun total de seis nominacións en diferentes categorías, de Lira recibirá o Premio Cinema Galego do FICBUEU 2022 pola súa prolífera traxectoria, ademais de polo seu compromiso e a súa dedicación por e para a cultura e a sociedade de Galicia.

O actor Miguel de Lira participará nesta 15ª edición do FICBUEU nun encontro co xornalista e produtor Gaspar Broullón, no que repasará a súa carreira. Esta conversa estará dispoñible en liña despois do festival a través da nova Canle FICBUEU

Miguel de Lira, premio Cinema Galego
Comentarios