A entrega de premios desta 18 Mostra Internacional de Cinema Etnográfico terá lugar este domingo ás 12.30 horas do mediodía, no Auditorio do Museo do Pobo Galego. . Será nun acto conducido polo actor, músico, director e dramaturgo Sergio Llauger.
O xurado desta décimo oitava edición está formado pola cineasta e artista Tania Dinís; polo educador, director e guionista Xoán Escudero e pola politóloga, xestora cultural e técnica de igualdade especialista en políticas do coidado con enfoque de xénero Sabela Losada. Outorgarán o Premio MICE ao Mellor Filme na Sección Internacional; e o Premio MICE ao Mellor Filme Galego na Sección Galicia.
Por outra banda, a Asociación Galega de Antropoloxía (AGANTRO) entregará o Premio AGANTRO á excelencia antropolóxica. A actriz, antropóloga e arqueóloga Paula Ballesteros; o antropólogo da Universidade Austral de Chile Pablo Rojas-Bahamonde; e a representante de AGANTRO, Sabela Losada, serán quen determinen a obra gañadora.
Ademais, os e as espectadoras da MICE elexirán a súa película favorita, para outorgarlle o Premio do Público. Haberá tamén nesta ocasión Premio CREA, outorgado pola Asociación Galega de Profesionais da Dirección e Realización.
O domingo pola tarde aínda se poderá ver unha película fóra de concurso, no marco da sección Lindes, coordinada polo MDOC de Melgaço. Ás 18h en Numax proxéctase Four Seasons in a Day, o documental belga-lituano dirixido por Annabel Verbeke que explora o concepto da identidade e comunidade nunha illa dividida por dúas fronteiras: unha física, entre o Reino Unido e Irlanda, a través do fermoso fiorde glaciar Carlingford Lough; e unha mental, entre opinións aparentemente incompatibles sobre o papel e o significado da fronteira.
Este domingo rematan as proxeccións presenciais, pero a programación da 18ª edición da MICE continúa. Mañá, luns 20, e o martes 21 de marzo serán as xornadas dedicadas á formación. Belén Sola e Chus Domínguez, do Laboratorio de Antropología Audiovisual Experimental (LAAV), impartirán o taller: De quen é a historia? Prácticas audiovisuais colaborativas e a antropoloxía audiovisual. Tamén o martes, ás 10.30 horas terá lugar no Auditorio del Museo a presentación da Asociación Memoria e Cinema.
Ademais, ata o 30 de marzo continuarán dispoñibles para o visionado os filmes incluídos na MICE en liña. Tamén, ata o venres 31 de marzo seguirá aberta ao público na Ala Sur do Museo do Pobo Galego a exposición Cómo reparar unha grieta, de Marta Valverde. O 31 será tamén o día en que se proxecten no Museo as pezas creadas no programa de achegamento á realización de cinema etnográfico posto en marcha no marco da MICE Petís. Unha iniciativa titorizada polo DEAC do Museo e o creador e docente Bruno Arias, pola que o alumnado de tres institutos galegos e o grupo mozo do Centro Sociocultural Aurelio Aguirre de Conxo realizarán a súa propia peza etnográfica. Ademais, a MICE Petís virtual continuará tamén dispoñible ata final de curso, para que os centros educativos poidan programar as proxeccións dos filmes da MICE na aula (inscricións en [email protected]).