'A conto de que unha historia das mulleres?' é o título da conferencia que a profesora da USC e doutora en Historia, Ana Cabana Iglesia, impartirá para o público estudante que o vindeiro xoves 14 de marzo acudirá á Sede Afundación Lugo ás 11.00 h. As inscricións pódense formalizar aquí. O compromiso de Afundación coa promoción da educación en valores e que neste caso se identifica co cumprimento do ODS-05 para a igualdade de xénero, a Obra Social ABANCA contribúe, a través da dinamización do coñecemento, ao avance cara a unha sociedade máis xusta e igualitaria. Pola tarde, ás 19.00 h, terá lugar a charla para público adulto 'Historia das mulleres: miserias, logros e retos dunha maneira de facer historia', cuxa inscrición se pode tramitar aquí. A conferencia retransmitirase tamén a través de Afundación TV.
Tanto a conferencia para escolares, pola mañá, como para público adulto, pola tarde, son parte do programa «Cultura por alimentos» da Obra Social de ABANCA que convida todas as persoas asistentes a acudir con produtos non perecedoiros a modo de entrada solidaria, que depositarán nos contedores habilitados na Sede de Afundación e serán posteriormente distribuídos aos bancos de alimentos locais.
As conferencias articulan o ciclo 'Educación Século XXI' da Obra Social de ABANCA que, con relatores de prestixio, ademais de abordar cuestións innovadoras no ámbito pedagóxico, incide na importancia dunha educación en valores, fomentando o respecto e a igualdade desde a infancia e a mocidade. E no contexto actual, cun significativo incremento dos problemas de saúde mental a idades cada vez máis temperás, adquire unha especial relevancia tratar nestas xornadas, cuestións vinculadas ao ámbito emocional.
ANA CABANA IGLESIA
Prestixiosa historiadora e investigadora, a doutora Ana Cabana é autora de varias monografías nas que se salienta o papel imprescindible das mulleres rurais galegas na conformación da nosa identidade actual. A través dos seus estudos, pon o foco sobre a historia e as historias condenadas ao esquecemento, e asume a difícil tarefa de desenmascarar as manipulacións que levaron a esta invisibilización e mostrarlles a escolares e familias que nos libros de historia hai un baleiro debido á ausencia de mulleres neles, o cal resulta directamente na inexistencia de referentes para a metade da poboación. Así, nin é casual a escasa escolla entre as nenas por carreiras científicas ou técnicas, nin que sintan unha importante presión social en moitos aspectos da súa vida. Se non reconciliamos a nosa historia, se non coñecemos de onde procedemos, dificilmente poderemos devir nunha sociedade informada e o máis libre de traumas posible.
'EDUCACION SÉCULO XXI'
O ciclo de conferencias «Educación Século XXI» é xa un marco de referencia para todas as persoas integrantes da comunidade educativa. Desde o seu inicio, en 2016, desenvolvéronse máis de 100 conferencias con relatoras e relatores de prestixio como Javier Urra, José Antonio Mariña, Irene Villa, Anna Sans, Iñaki Zubizarreta, Rafael Guerrero, Teresa Vello, César Bona, David Cale, Ángel Carracedo, David Bueno, Belén Colomina, Antonio Vázquez Taín, Margarita Pino, José Torres, Ousman Umar, Manuel Isorna, El Langui, Concha Monge ou Patricia Gómez, entre moitos outros nomes.
Os contidos están accesibles tamén en diferido no menú á carta de Afundación TV, co obxectivo de que estean ao alcance de toda a poboación, provéndoa, así, de ferramentas que contribúan a mellorar a nosa sociedade no seu conxunto.