miércoles. 12.03.2025

A Deputación de Pontevedra leva este sábado 8 de febreiro o circuíto +Escénicas ao Concello de Mondariz coa obra "Boa sorte, mala fama" de Tarabela Creativa. A función, dirixida ao público adulto, comezará ás 21:00 horas no Auditorio municipal da vila.

Esta representación enmárcase no novo circuíto da institución provincial que, ata marzo, está a espallar unha completa programación de teatro e danza en 49 concellos da provincia, cun orzamento de 150.000 euros.

"Boa sorte, mala fama", a peza que Tarabela Creativa interpretará este sábado en Mondariz, nace da necesidade de contar aquilo do que pouco se fala. Trátase dunha traxicomedia en tres actos: os tratos, os maltratos e os retratos, nos que, facendo unha cartografía e un percorrido a través de diferentes épocas e persoas, se contará a historia máis "incómoda" da emigración. O espectáculo emprega a narración oral, a música ao vivo e a interpretación a través de tres mulleres en escena que representan, cada unha desde a súa disciplina, o rostro menos institucional da emigración galega.

Co circuíto +Escénicas, a Deputación busca dar resposta á demanda que o sector profesional vén facendo desde fai máis de 15 anos. A cada concello correspóndelle unha achega máxima de 3.400 euros para financiar os espectáculos propostos, incluídos nun amplo catálogo de espectáculos de danza e teatro posto á súa disposición e dispoñible no sitio web da Deputación de Pontevedra.

O circuíto +Escénicas da Deputación de Pontevedra chega a Mondariz con "Boa sorte, mala...
Comentarios