viernes. 22.11.2024

O grupo de Gaitas Avelaíña, da localidade coruñesa de Teo, proclamouse este sábado gañador do LIII Concurso de Gaitas do País celebrado en Ponteareas. A segunda posición logrouna o grupo Arghaço (Vigo) mentres que Laghareu (Santiago de Compostela) obtivo a terceira posición e Érbedo (Salvaterra de Miño) a cuarta. Esta foi a decisión final tras unha longa deliberación do xurado, composto nesta ocasión por Nadia Vázquez, José Manuel Gil, Antonio Gutiérrez, Xulia Feixoo, Sabela Olivares e Óscar Ibáñez.

Ademais, pola súa ampla traxectoria neste concurso, o Concello de Ponteareas fixo unha mención especial aos músicos Marcos Castro González e José Carlos Estévez Rodríguez, participantes un ano máis no Concurso de Gaitas.

O Concello de Ponteareas, a través do concelleiro de Cultura Fernando Groba, agradécelle á Fundación Artesanía de Galicia a súa colaboración co concurso por outorgarlle ao grupo gañador unha gaita do Obradoiro de Gaitas Gil e un tamboril co selo de Sanín Percusión Tradicional, que se suman ao premio de 1.800€ outorgado polo Concello de Ponteareas.

Fernando Groba sinalou que “a pesar da situación na que estamos púidose celebrar unha nova edición deste concurso con todas as garantías sanitarias e cun altísimo nivel de calidade, como recoñeceu o propio xurado, o que demostra a fortaleza e importancia do noso Concurso de Gaitas”. Neste sentido, Groba agradeceu aos grupos participantes “que co seu talento ano tras ano poñen en valor a nosa tradición e logran manter o nivel deste concurso como un dos máis importantes do país”.

Avelaíña vence o Concurso de Gaitas do País en Ponteareas