Ángeles Vázquez salientou que esta iniciativa se enmarca nas actuacións que está a realizar o Goberno galego de cara a habilitar ou recuperar equipamentos públicos e poñer en valor as súas contornas urbanas e mellorar a calidade de vida da veciñanza
A Xunta de Galicia, grazas á intervención da alcaldesa Marta Valcárcel e o seu equipo de goberno, destina máis de 610.000 euros ás obras de humanización da fortaleza de Salvaterra de Miño, segundo o convenio de colaboración asinado hoxe entre a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez; a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, e a alcaldesa da localidade, Marta Valcárcel.
A actuación prevista localízase na fortificación de San Lourenzo e supón a terceira fase do proxecto de rehabilitación das murallas deste concello pontevedrés. Neste caso, o proxecto inclúe a repavimentación, o soterrado de redes e a revisión e dotación de novas infraestruturas urbanísticas na praza da Oliva e nas rúas centrais do recinto amurallado de Salvaterra de Miño.
Para levar a cabo este proxecto, a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda aporta un financiamento de máis de 360.000 euros –o 60% do orzamento estimado- mentres que Turismo de Galicia achegará o 40% restante -250.000 euros-.