O Concello de Tui conta dende hai uns días cunha biotrituradora que vai optimizar o triturado de restos de poda municipal. É un paso máis para a próxima creación dun Punto Verde Municipal onde ofrecer á cidadanía un sitio onde depositar os seus restos vexetais e poder recoller, se así o precisan, material triturado de madeira para poder utilizar no proceso de compostaxe doméstica ou compost xerado nos centros de compostaxe do Concello.
A biotrituradora foi adqurida grazas á achega da Xunta para o financiamento de actuacións en materia de residuos municipais que foi destinada ao fomento da compostaxe municipal. Subvención cofinanciada polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional con cargo ao programa operativo Feder Galicia 2014-2020.
Esta nova biotrituradora é unha máquina lixeira acoplada a un remolque polo que os traballos de trituración de material poden realizarse in situ, dando versatilidade e facilitando as tarefas ao persoal do Concello. Precisamente tras a adquisición desta nova maquinaria impartiuse un curso formativo dirixido aos traballadores municipais, que nesa mesma xornada comezaron a empregarla no triturado dos restos de poda de arborado na parroquia de Malvas.
Coa achega da Xunta amais da biotrituradora tamén se elaborou material informativo e de sensibilización do Plan de Compostaxe que o Concello está a levar a cabo. Trátase de paneis informativos dos Centros de Compostaxe Comunitarios situados no centro urbano, do panel informativo que se vai a instalar no futuro Punto Verde Municipal, o deseño do logotipo do Plan de Compostaxe así como deseño de material para difundir nas redes sociais á Campaña informativa do Plan de Compostaxe.
Por outra parte neste 2021 vaise executar a segunda anualidade desta axuda que, entre outras accións, contempla a restructuración e ampliación da rede de composteiros comunitarios municipais e a adquisición de 300 composteiros individuais para continuar dotando á cidadanía de material co que fomentar a compostaxe doméstica.
Lembramos que este proxecto ten como obxectivo a redución na cantidade de residuos que van ao contedor verde e o aumento do tratamento selectivo de residuos reciclables.
Co lema 'Compostate ben, composta en Tui' preténdese concienciar a poboación que a meirande parte dos restos orgánicos son compostables , que compostar é moi sinxelo e que o concello da diversas opcións para a xestión dos restos orgánicos.