O Concello firma un convenio de cooperación que permite incluír ensinanzas de carácter universitario á oferta académica do municipio e da súa área de influencia. Trátase dun acordo entre a administración local e a Universidade Nacional de Educación a Distancia (UNED) que ten unha duración de catro anos e que, no seu caso, poderá ser prorrogable outros catro anos. O documento asinárono esta mañá a alcaldesa, Nava Castro, e o director do Centro Asociado á UNED en Pontevedra, Víctor Manuel González.
Grazas a este convenio, o centro de titularidade pública ofertará actividades e cursos de extensión universitaria e levará acabo accións destinadas á orientación académica e inserción laboral. Ademais, as persoas maiores de 55 anos que desexen completar a súa experiencia profesional ou ampliar os seus coñecementos dispoñerán de diferentes programas formativos mediante os recursos da UNED Sénior. O acordo inclúe a ensinanza de idiomas estranxeiros, programada polo centro asociado.
Pola súa banda, o Concello proporcionará espazos da súa propiedade, debidamente acondicionados, para o desenvolvemento desta oferta universitaria de xeito presencial e se fará cargo dos gastos de mantemento dos locais que se cedan á UNED. A administración local, de igual xeito, poderá propoñer temáticas do seu interese á hora de elaborar os cursos e as actividades.
No acto de sinatura, a alcaldesa, Nava Castro, indicou que “con este convenio de cooperación educativa, traemos ata a vila a universidade, neste caso, a UNED, que permitirá que a veciñanza do municipio e da nosa área dispoñan dunha maior oferta académica”. Lembrou que “potenciar a formación é un dos nosos obxectivos como goberno municipal e con este acordo posibilitamos, tamén, que as persoas maiores de 55 anos dispoñan dos recursos necesarios na súa propia localidade se desexan potenciar a súa experiencia e sabedoría”.
O edil de Ensino, Ricardo González, cualificou este convenio de “transcendental para o municipio, posto que por primeira vez os nosos veciños e veciñas poderán cursar accións formativas de carácter universitario sen ter que saír da vila”. Apuntou que “con este acordo tamén se impartirán clases sobre diferentes idiomas estranxeiros, o que permite mellorar a accesibilidade a este tipo de estudos que repercute de forma moi positiva á hora de buscar emprego e de desenvolver habilidades profesionais”.
O director do centro asociado da UNED, Víctor Manuel González, agradeceu ao Concello a súa implicación para acadar este acordo “porque desta maneira conseguimos chegar a un maior número de persoas que precisan cursar diferentes estudos e continuamos realizando a nosa labor social”. Ademais, puxo en valor o programa para as persoas maiores de 55 anos porque “á vez que potenciamos o seu coñecemento, combatemos dalgún xeito a soidade”.
No acto, participaron tamén o edil de Educación, Ricardo González, o subdirector Económico da UNED, Alfonso Vázquez e o coordinador de Extensión Universitaria e Actividades Culturais, Rafael Cotelo.