O Concello de Tui, ao abeiro dun convenio asinado con Turismo de Galicia no pasado mes de agosto, ten procedido á sinalización de ata nove elementos patrimoniais localizados no ámbito rural do municipio, coa finalidade de promover a valorización destes bens por parte de visitantes e veciños.
En concreto foron sinalizados os seguintes elementos:
- Igrexa de San Miguel de Pexegueiro
- Ponte da Veiga
- Ponte das Febres, en Ribadelouro
- Capela da Virxe do Camiño, en Rebordáns
- Monumento aos Mártires de Sobredo, en Guillarei
- Muíños do Regueiro, en Paramos
- Muíños do Tripes, en Randufe e Pazos de Reis
- Balneario de Caldelas
- Ponte Internacional
O investimento realizado acada a cifra de 5.390,55 euros parte deste importe é financiado ao abeiro do reseñado convenio con Turismo de Galicia.
Para o responsable de Patrimonio, Turismo e Camiño de Santiago, o concelleiro Laureano Alonso, a instalación desta sinalización, que cumpre coas normas de sinaléctica turística de Galicia, patentiza o interese do goberno municipal pola promoción dos bens patrimoniais que atesoura Tui, no xa no ámbito do seu conxunto monumental, senón tamén as diversas parroquias que conforman o municipio tudense. A instalación desta sinalización permite identificar e recoñecer os principais valores destes bens patrimoniais.
Neste tempo de dificultades especialmente no que atinxe ao turismo a instalación desta sinalización, sinala o concelleiro Laureano Alonso, é un recordatorio a todos os veciños do rico patrimonio existente no ámbito rural tudense que xustifica un coñecemento dos mesmo especialmente neste intre de confinamento perimetral como unha alternativa de lecer respectando as recomendacións sanitarias.