As rúas de Tui xunto a edificios coma os antigos xulgados na Praza da Inmaculada ou o Seminario Menor, están sendo dende onte luns o escenario da gravación da serie “Un Asunto Privado” de Bambú Produccións, dirixida por David Pinillos e María Ripoll e creada por Teresa Fernández-Valdés, Ramón Campos e Gema R. Neira.
Drama, romance, acción e comedia mestúranse nos 8 capítulos que conforman “Un Asunto Privado”. A serie está protagonizada por Marina Quiroga, unha muller de alta sociedade que se dispón a atrapar a un asasino en serie coa axuda do seu mordomo Héctor. Demostra o seu talento e loita contra os estereotipos para converterse nunha muller detective nun mundo de homes.
En Tui estánse a rodar escenas tanto dos anos 20 coma dos anos 40 o que supuxo algúns cambios en lugares coma o Paseo da Corredoira, onde hoxe se ronda os exteriores, sen terrazas e con parte do mobiliario urbano retirado. Así grazas á rodaxe hoxe puideron verse no Paseo da Corredoira dende coches de cabalos e clásicos dos anos 40.
Xa dende a semana pasada, cando comezaron os preparativos da rodaxe, na zona do Paseo da Corredoira vese o gran despregue que implica a gravación no que participan un centenar de técnicos e 60 figurantes. Entre os actores que están gravando as escenas estes días en Tui están Tito Valverde, Aura Garrido, ou Pablo Molinero.
A serie será emitida en Amazon Prime Video en máis de 240 países.
Dende o Concello de Tui valórase positivamente que a produtora Bambú teña elixido Tui coma un dos lugares para a gravación das escenas, xa que isto repercutirá positivamente na imaxe turística de Tui, dándoa a coñecer a nivel internacional.