sábado. 23.11.2024

 Este domingo, 27 de setembro, celébrase o Día Mundial do Turismo. Este ano celébrase baixo o lema 'O turismo e o desenvolvemento rural' que quere expresar a capacidade excepcional do turismo para crear oportunidades no ámbito non urbano e coma instrumento eficaz para a preservación do patrimonio cultural e natural.

A celebración neste ano 2020, no que estamos vivindo un tempo de pandemia, que ten afectado de xeito excepcional ao sector turístico, é un momento para ollar ao futuro preparando as bases para que o turismo sexa un dos sectores dinámicos que impulsen a recuperación.

Coa celebración desta xornada dende o Concello de Tui preténdese promover unha reflexión sobre as posibilidades que, de cara ao futuro post-covid, ofrece o noso territorio no ámbito turístico no que cómpre traballar en varias liñas:

  • Unha inmediata para mitigar os efectos socioeconómicos da pandemia como foi a liña de axudas  de reactivación comercial  para a continuidade dos negocios e o mantemento do emprego.
  • Promover a competitividade e a capacidade de recuperación mediante a diversificación e o fomento do emprendemento.
  • Impulsar a innovación e a transformación do turismo, afondando na calidade fronte a masificación.

Para debater arredor destas liñas de traballo terá lugar unha mesa redonda sobre 'Turismo e desenvolvemento rural' que pretende amosar as novas posibilidades de traballo innovador e do emprendemento na nosa contorna. Terá lugar o luns, 28 de setembro, ás 19.30 h na Aula da UNED, no antigo convento de San Domingo. Será presentada por Ana Mª Núñez Álvarez, concelleira de Formación, Emprego e Igualdade e moderada por Laureano Alonso Álvarez, concelleiro de Patrimonio, Turismo e Camiño de Santiago. Participarán Natalia Rodríguez, xerente da “Adega Corisca”, Alicia Benade, responsable da marca “Trigo y Limpo”, Ana Digón, coordinadora de Cocina Regenerativa; e Rosa Arcos, da Federación de Asociacións de Mulleres Rurais. O acto será clausurado por Enrique Cabaleiro, alcalde de Tui.

Previamente este domingo, 27 de setembro, Día Mundial do Turismo, realizarase unha ruta polos muíños do río Tripes cunha duración aproximada de 2 horas. Partirá ás 10 h dende praza da Inmaculada no Tren Turístico até lavadoiro de circos, onde comezará a camiñada. Rematará no muíño Mañoco nas inmediacións do Arrabal. 

Ofértanse 30 prazas para cada unha destas actividades que se cubrirán por orde de inscrición, que se debe realizar no correo turismo@tui.gal.

Esta actividade está organizada polas concellerias de Turismo e Camiño de Santiago e Formación, Emprego e Igualdade do Concello de Tui, e da continuidade á celebrada o pasado ano e que tivo una excelente acollida.

O programa completo da xornada é o seguinte

PROGRAMA

Domingo, 27 setembro

Percorrido polos muíños do Tripes

10,00 h. Saída no Tren Turistico dende Praza da Inmaculada.

Duración aproximada da visita: 2 horas

Finaliza no muíño Mañoco

30 prazas, cómpre inscrición previa no correo electrónico [email protected]

Luns, 28 setembro

19,30 h. – Aula Uned de Tui

Mesa redonda: Turismo e desenvolvemento rural

Presenta: Ana María Núñez Álvarez, concelleira de Formación, Emprego e Igualdade do Concello de Tui

Participantes:

  • Natalia Rodríguez, de Bodega Corisca
  • Alicia Benade, da empresa Trigo Limpo
  • Ana Digón, coordinadora de Cocina regenerativa
  • Rosa Arcos, da Federación Asociacións de Mulleres Rurais

Modera: Laureano Alonso Álvarez, concelleiro de Patrimonio, Turismo e Camiño de Santiago do Concello de Tui

Clausura polo alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro.

30 prazas, cómpre inscrición previa no correo electrónico [email protected]

Tui celebra o día mundial do Turismo cunha ruta polos muíños do río Tripes