Ignacio e José, ambos de apelido Cerviño, nados e procedentes de Aguasantas, en Cotobade, son dous escultores cunha gran pegada no patrimonio artístico de Ponteareas e da súa bisbarra. Existe certa polémica entre os investigadores na atribución da autoría das distintas obras do chamado 'Mestre Cerviño', dada a súa coincidencia en tempo e nome, e ambos autores de obras na vila de Ponteareas de gran valor. Para coñecer o seu legado, o Concello organiza unha visita guiada o vindeiro domingo, 3 de outubro, ás 11.00 horas con saída no cemiterio municipal, un dos epicentros da obra do 'Mestre Cerviño' en Ponteareas.
A actividade é de balde e as persoas interesadas poden apuntarse na Biblioteca Municipal, en [email protected] e no 986 660 765. Esta visita forma parte do programa 'Coñece Ponteareas', que organiza a Concellaría de Promoción Económica, que dirixe Eva Gil, para pór en valor o patrimonio cultural e natural da vila do Tea.
A través da visita ao legado dos mestres Cerviño, e da polémica da súa autoría, coñeceremos tamén moitos aspectos da historia da nosa vila. Visitaremos obras destacadas destes autores, como a Fonte da Fama ou do Anxo, o Desencravo do barrio das Cachadas e outras, especialmente os traballos dos Cerviño no cemiterio municipal, un verdadeiro museo no que se atopan varios panteóns asociados aos artistas.