viernes. 22.11.2024

O Concello de Tui coa integración na Red de Juderías de España está traballando na promoción turística da nosa cidade ao abeiro do importante conxunto patrimonial relacionado coa presenza xudía na nosa cidade ao longo dos séculos. Pero este labor precisa complementarse con outras medidas que consigan incrementar o atractivo da nosa cidade en torno aos recursos xudeus ou sefardís.

Javier Zafra.

Neste sentido, un elemento clave é a gastronomía, pois é o complemento idóneo a unha visita á nosa cidade. Pero cómpre que esta oferta gastronómica contribúa a incrementar o valor da nosa oferta turística, cunhas propostas dos nosos restaurantes relacionadas con este patrimonio xudeu.

O Concello de Tui, a través da Red de Juderías, para afondar nesta liña organiza un obradoiro práctico denominado “Sabores de Sefarad” a cargo do cociñeiro Javier Zafra que estará en Tui o luns 13 de setembro de 2021. Está dirixido exclusivamente a profesionais da hostalaría e restauración tudense. Javier Zafra é autor do libro 'Sabores de Sefarad', que recolle unha escolma de receitas ou komidikas  facilmente realizables, e xestiona o blog do mesmo nome que pretende ser un lugar onde compartir os pratos cociñados, experiencias culinarias e vivencias dos profesionais que traballan arredor da gastronomía sefardí.

Javier Zafra a través deste taller, dirixido a cociñeiros e chefs, pretende incentivar o mantemento desta forma de guisar que forma parte da nosa tradición culinaria e integrar estes pratos na oferta gastronómica das cidades integradas na Red de Judería,s mellorando os recursos que ofrecen aos seus visitantes. Será un actividade eminentemente práctica coa mostra de materiais, condimentos, receitas en vivo, etc.

O concelleiro de Turismo e Camiño de Santiago, Laureano Alonso, convida aos establecementos de restauración abertos na nosa cidade a este taller que considera de gran interese para coñecer esta proposta gastronómica que ten como finalidade mellorar a oferta gastronómica e turística de Tui. Unha aspiración que nestes momentos de incerteza resulta imprescindible de acometer conxuntamente.

O taller terá lugar na Aula Uned de Tui o luns, 13 de setembro, de 17,30 a 20,00 horas. Os interesados deben inscribirse previamente na Oficina Municipal de Turismo ou a través do correo electrónico: [email protected]

Esta actividade forma parte do programa das Xornadas Europeas da Cultura Xudía que terán lugar ao longo da primeira quincena do vindeiro mes de setembro tanto na nosa cidade como na cidade irmá de Valença. O contido destas xornadas será presentado nos vindeiros días.

Sabores de Sefarad