Ponteareas quere render homenaxe ao mestre Rogelio Groba no día do seu 92 aniversario. O mesmo día do seu nacemento, o 16 de xaneiro, o Concello daralle os parabéns cun concerto da Banda de Música Xuvenil de Xinzo ás 18.30 horas na sala multiúsos do auditorio municipal. A actuación, que será con entrada de balde ata completar aforo, “busca achegar a todos os públicos a programación cultural que se oferta de xeito estable ao longo do ano tanto no centro da vila como nas parroquias”, explica o concelleiro de Cultura, Fernando Groba. O concerto poderá seguirse tamén en streaming.
Rogelio Groba Groba é un referente en Ponteareas, con máis de 700 obras que acompañan a vida deste prolífico compositor e mestre que ten os seus inicios na música de bandas, dando os seus primeiros pasos musicais na Banda de Música A Unión de Guláns, que chegou a dirixir con apenas 17 anos. Groba amence cada mañá coa inquedanza de compor e trasladar a cada partitura as sensacións do cotiá. Ese orgullo consolida ano a ano o Festival Groba, que brinda a oportunidade de gozar de forma gratuíta e sen saír da vila das mellores músicas e músicos do panorama internacional.
O edil amosa o seu profundo agradecemento polo valor do traballo de Rogelio Groba Groba de o legado musical eixa en herdanza a todas e todos os ponteareáns, sendo o compositor máis prolífico da xeración do 51 en España.