O Concello continúa a dar pasos para dotar a Ponteareas dun Centro Cívico no núcleo urbano. A alcaldesa, Cristina Fernández Davila; o concelleiro de Mocidade, Miguel Bouzó; a concelleira de Benestar Social, Verónica Carrera; e o equipo técnico redactor expuxeron o alcance do proxecto nun acto de participación social que contou coa presenza de representantes de diversas asociacións e entidades ponteareás.
Durante o encontro debullouse a todas e todos os presentes o proxecto de rehabilitación destas instalacións situadas nun grande edificio na Praza Maior mercado polo Concello con fondos propios. O proxecto do futuro Centro Cívico contará coas achegas e suxestións recollidas durante o acto participativo, así como co estudo de accesibilidade e mobilidade do edificio elaborado coa colaboración de persoas especializadas.
Con el, Ponteareas contará con 900 m2 para servizos municipais e actividades sociais, como espazos para a mocidade, salas de reunións, espazos para obradoiros e cursos, servizo de atención temperá ou unha oficina de información. “Será o primeiro edificio público de Ponteareas con estas características. Con el queremos fomentar o encontro da veciñanza e apoiar o asociacionismo con espazos versátiles e flexíbeis no centro urbano”, salienta a alcaldesa Cristina Fernández Davila.
En resposta ao interese do Consello da Infancia e Adolescencia de Ponteareas por implicarse na creación deste espazo, o concelleiro de Mocidade, Miguel Bouzó, trasladou a todas as persoas presentes a disposición do Concello “para que os rapaces e rapazas que integran este Consello poidan participar na elección dos nomes dos espazos específicos destinados a mozos e mozas, así como nos equipamentos específicos para o seu uso”. Por outra banda, o Concello salientou que ao comezo das obras de execución porase en marcha un proceso para a definición do modelo de xestión dos espazos destinados ao uso das diferentes asociacións e entidades.
A través deste proxecto o Goberno municipal do BNG-PSOE rehabilitará un edificio do centro histórico para “recuperar espazos para o tecido social e asociativo, para a veciñanza en xeral e para todas as usuarias e usuarios dos novos servizos municipais cos que se dotará o edificio. Un lugar onde gozar de actividades dirixidas, pero tamén de espazos para desfrute individual e colectivo”, destaca a segunda tenente de alcaldesa, Chus Garrote.
A rehabilitación deste edificio, cofinanciada polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) a través do programa EDUSI ‘Ponteareas, Hábitat Saudable’, dinamizará a Praza Maior e a súa contorna, favorecendo a revitalización urbana e comercial do centro histórico.