martes. 30.04.2024

A primeira edición do concurso que puxo en marcha o Concello para premiar o talento dos mozos e mozas da vila, Talento Xove, consegue atraer a máis de 300 persoas que se inscribiron para participar nalgunha das 10 disciplinas diferentes que propón o certame. Será un xurado profesional o que determine os gañadores e as gañadoras e entregaranse os correspondentes premios o próximo 18 de maio.

Deste xeito, máis de 300 mozos e mozas puxeron en práctica a súa creatividade para presentar os seus traballos ás disciplinas de poesía, novela, artes plásticas, banda deseñada, cociña, fotografía, música, arte urbana, danza moderna ou moda. Agora, será un xurado formado por expertos das diferentes categorías o que cualifique as propostas e determine cales son as gañadoras. Valorarase que as temáticas estean relacionadas coa cultura e as tradicións da vila.

Ademais, os veciños e as veciñas poderá desfrutar dos traballos que crearon e deseñaron os máis de 300 mozos e mozas que decidiron participar neste concurso que recoñece o talento da vila. As mostras estarán expostas no museo municipal a partir do 15 de abril e aquelas persoas que se inscribiron na categoría musical e na de danza participarán nunha final o próximo 4 e 11 de maio respectivamente no Auditorio Municipal.

Pola súa banda, o xurado valorará os pratos elaborados polas persoas participantes na categoría de cociña o 4 de maio pola mañá na contorna do Auditorio Municipal. Haberá tamén ocasión de degustar produtos locais e tradicionais da vila grazas a un “ShowCooking” que organizará no mesmo lugar EFA A Cancela. En canto as propostas de novela curta e de poesía, expoñeranse na Biblioteca Municipal.

O próximo 18 de maio será cando se entregue os premios ás persoas gañadoras das diferentes categorías nunha gala especial. Neste sentido, o edil de Xuventude, Cristian Montes, apunta que “é un orgullo que os mozos e as mozas da vila se animen a participar neste concurso que foi ideado por e para eles” e indicou que “somos conscientes de que a nosa mocidade atesoura un gran talento que debemos potenciar e premiar”.

En Ponteareas hai Talento Xove
Comentarios