lunes. 13.01.2025

Ponteareas remata este domingo as súas Festas de Setembro despois de máis de 30 propostas de balde e para todos os públicos. Dende o Concello afirman que “están moi satisfeitos coa acollida da programación por parte da veciñanza” e anímaos a asistir ás nove propostas culturais e de animación que se van celebrar dende este mércores ata o próximo domingo.

A recta final comeza este mércores, festivo local, ás 11.30 horas cun pasarrúas de xigantes e cabezudos acompañados do Grupo Folclórico Naiama polo centro urbano, máis tarde, ás 13.30 h, será o lanzamento tradicional dos globos de San Miguel, ás 17 h haberá distintas actividades de animación na rúa e ás 21.00 h o grupo América pechará a xornada no aparcadoiro da Avenida Castelao.

O xoves ás 21.00 horas o parque da Feira Vella acollerá a actuación de Tanxugueiras, mentres que o venres a mesma hora pasará polo mesmo escenario Tania Veiras.

A xornada do sábado comeza ás 18.00 horas con animación nas rúas do centro urbano e remata co concerto de A banda da Loba xunto a un recital poético para festexar a obra de Xela Arias ás 21.00 h no parque da Feira Vella. O domingo as Festas rematan cunha visita guiada ás 11.30 h ao legado arquitectónico dos mestres Cerviño na vila, e co concerto de Broken Peach ás 21.00 horas no parque da Feira Vella.

Ponteareas desde o seu día feriado desenvolve unha serie de eventos ata o domingo