O goberno municipal informou da ampliación do
prazo para que a Xunta aprobe definitivamente o Plan Xeral de Ordenación Municipal
(PXOM). Desde que se iniciou na Xunta a revisión do documento, aprobado
provisionalmente polo Pleno o pasado mes de outubro, mantivéronse diferentes
reunións entre responsabeis políticos e persoal técnico das dúas
administracións. A Xunta debía tomar unha decisión sobre o PXOM antes do 13 de
febreiro, data na que conclúen os tres meses estipulados por lei, pero ambas as
dúas administracións observaron que, dada a complexidade e volume do traballo e
a necesidade de aclarar e unificar criterios de carácter técnico, era preciso
contar con máis prazo para asegurar a aprobación definitiva do Plan.
Para dispor dese tempo engadido o Concello
cumpríu coa formalidade administrativa de solicitar á Xunta a ampliación do
prazo para que os equipos técnicos das dúas administracións pechen os flecos
que conducirán á aprobación definitiva do Plan no máis breve prazo posíbel.
O goberno local sinalou que “nas reunións
mantidas nestes meses, as dúas administracións coincidimos na imperiosa
necesidade de concluir este proceso que se iniciou en 2002 e a Xunta nos
transmitíu a súa vontade inequívoca de aprobar o PXOM, por iso estamos
traballando conxuntamente e con intensidade na revisión final do Plan e a
previsión é que a apobación definitiva se produza nun prazo moi breve de
tempo”.