A revista de cultura e ocio en Vigo, A Movida celebra o seu primeiro lustro cunha gran festa na que se reunirán grandes nomes da cultura viguesa. A festa de acceso libre ata completar aforo comezará ás 19.00 h no salón Rexio da Sede do RC Celta. O evento conducido pola actriz Bea Campos, contará cunha performance poética a cargo de Silvia Penas e Pompa&Boato, o concerto da banda local Sanny e a DJ Beatriz Fernandes estará poñendo música ao comezo e final do evento.
No evento tamén se fará entrega dos primeiros Premios A Movida á cultura viguesa. Ledicia Costas recibirá o galardón ao creador/a vigués pola súa traxectoria, Fillas de Cassandra recollen o premio a novo proxecto cultural, a Sala Kominsky destácase na categoría de negocio vigués que apoia a cultura e por último Laura Mellina recibe o galardón ao talento vigués.
Con motivo deste V centenario A Movida saca unha revista especial, o número 50, que verá a luz o propio venres 13. No 2021, A Movida propuxo a dez escritores ligados a Vigo a angueira de confeccionar unha ficción colectiva ambientada nesta cidade. Ledicia Costas iniciou un relato cuxo ronsel foron seguindo, capítulo a capítulo, Pedro Feijoo, María Reimóndez, Domingo Villar, María Xosé Porteiro, Marcos Calveiro, Francisco Castro, Manuel Esteban, Rexina Vega e Inma López Silva. A historia foise sucedendo nas páxinas da revista A Movida entre maio de 2021 e abril de 2022. Agora, co apoio da Deputación de Pontevedra, publícase este número especial no que por fin recóllense eses dez relatos de forma conxunta acompañados das ilustracións da tamén viguesa Bea Gregores.