O Concello de Covelo organiza a Mostra de Produtos de Covelo que se celebrará este sábado día 5, de 10 a 14 horas, como cada primeiro sábado de mes. Deste xeito Covelo promove a economía local coa merca produtos de primeira calidade e podendo gozar da gastronomía local.
A concelleira de Turismo, Lourdes Enes, informa que, por mor das obras de humanización da praza Mestre Cerviño e contorna, a mostra ubicarase na travesía de Vigo nas inmediacións do centro de saúde e do lavadoiro.
Artesanía, agricultura ecolóxica, xoiería, moda, produtos de beleza, pulpeiro, voluntariado social e música son algunhas das propostas que atraen mensualmente á veciñanza local e multitude de persoas dos concellos veciños que optan por pasar o resto do día percorrendo algún dos diferentes roteiros de sendeirismo, visitando a rectoral de Barcia de Mera, o Museo Pazo da Cruz, paseando pola praia fluvial de Maceira ou gozando das vistas do miradoiro do Castelo do Faro.
“A Mostra de Produtos de Covelo facilita un espazo no que clientes e produtores da zona poden coñecerse pero ademais promove un encontro no que socializar e gozar do tempo de lecer. A maioría das persoas aproveitan para coñecer o noso concello e degustar a gastronomía local na que non faltan boas carnes e receitas tradicionais, tendo tamén ocasión de probar pratos máis novidosos na hostalaría das rectorais ou da aldea Lugar dos Devas”.
Na páxina web do concello pódense atopar todos os atractivos turísticos locais http://www.concellodecovelo.es/?sec=25