A Xunta de Galicia destina preto de 80.000 euros para mellorar un tramo dun quilómetro do río Verdugo no Concello de Soutomaior, segundo avanzou hoxe a directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo, durante unha visita á contorna, na que estivo acompañada polo alcalde, Agustín Reguera.
A actuación prevista na marxe dereita do tramo comprendido entre a ponte colgante e a ponte medieval de Comboa consistirá na eliminación de especies invasoras da ribeira -mimosas, tradescantia e crocosmia- así como na retirada de madeira morta tanto na canle como na zona de dominio público hidráulico. Unha vez realizados estes traballos, cuxo inicio está previsto para a segunda quincena deste mes de abril, valorarase a necesidade de plantar especies de ribeira autóctonas.
Segundo dixo Do Campo, esta actuación, ademais da restauración ecolóxica da contorna, permitirá unha mellora do uso público e da actividade da pesca fluvial.
Cómpre lembrar que esta iniciativa se vai acometer ao abeiro do proxecto Mil Ríos, unha iniciativa que, cun orzamento de 5 millóns de euros de fondos europeos, ten como obxectivo a restauración destes ámbitos, o incremento da biodiversidade e a optimización da conectividade ecolóxica.
A través deste proxecto melloraranse 470 quilómetros de 50 cursos fluviais galegos e o humidal da lagoa de Cospeito, aumentando a súa resiliencia e capacidade de resposta ante o cambio climático. Nesa liña, as primeiras actuacións estanse a realizar en 16 ríos das 4 provincias mellorando máis de 952 hectáreas ao longo de 260 quilómetros de tramos fluviais.
Con esta iniciativa, a Xunta pon en valor o papel identitario das arterias naturais de Galicia, responsables de transportar nutrientes, suavizar o clima galego e vertebrar o territorio. Ademais, o impulso por esta iniciativa leva aparellada outros beneficios, como é o impulso do emprego verde e o turismo sustentable.