A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade inicia este luns a
execución das obras de construción dunha senda peonil na estada autonómica
PO-402, ao seu paso polo núcleo de Leirado, no concello de Salvaterra.
Esta actuación, cun investimento autonómico de máis de 48.000 euros,
dispón dun prazo estimado de execución de tres meses.
Executarase
un itinerario para tránsito peonil seguro no treito desta estrada, entre
os puntos quilométricos 5+240 e 5+720, co obxectivo de dar servizo aos veciños
nos seus desprazamentos ao centro social e á Igrexa de San Roque.
A nova senda peonil conectará os treitos de
beirarrúas existentes e discorrerá pola marxe dereita da PO-402, entre os puntos
quilométricos 5+240 e 5+370 e pola marxe esquerda, entre os puntos 5+390 e
5+720.
Construirase
unha senda duns 2 metros de ancho con pavimento de formigón
con cor e nos puntos onde sexa necesario executarase un muro de contención de
terra de altura media de 1 metro.
No contrato desta obra inclúese a drenaxe da
vía, que se resolverá cun novo colector de pluviais, cos seus correspondentes
pozos de rexistro e sumidoiros.