lunes. 25.11.2024

O grupo Bordón Grellado alzouse co primeiro premio no LIV Concurso de Gaitas do País de Ponteareas celebrado a pasada fin de semana no Auditorio Municipal Reveriano Soutullo e que contou coa participación de sete agrupacións de música tradicional “de gran calidade e alto nivel”, como salientou o concelleiro de Cultura, Fernando Groba, e os propios membros do xurado que estiveron na edición anterior. O grupo gañador estaba composto polos gaiteiros Miguel González Diz e Isidro Vidal Gallardo, o tamborileiro Iván Blanco Vázquez e o bombeiro Miguel Rivas Rodríguez. A agrupación foi premiada con 1.800 euros ademais de cunha gaita e cun tamboril doados por Artesanía de Galicia.

Tras as dúas actuacións de cada un dos grupos, o xurado outorgou o segundo premio do certame, dotado con 1.200 euros, ao grupo Arghaço, mentres que Avelaíña fíxose cos 900 euros do terceiro premio e Bran Cuartet cos 600 do cuarto. O xurado estivo composto ademais de polo propio edil de Cultura por Xosé Ferreiros, integrante do histórico grupo galego Milladoiro, e por María Belén Giráldez, José Manuel Gil, Xulia Feixoo, Antonio Gutiérrez e Sabela Olivares.

O concurso arrancaba quentando motores cun pasarrúas dende a Casa do Concello ata o auditorio municipal, onde ademais dos grupos gañadores tamén se subiron ao escenario os grupos As Bágoas do Toxo, Rodamuíños e Os Paporrubios. “Queremos agradecerlles a todos eles a súa participación neste certame co que seguimos apostando pola música que se fai no país, que reforza e difunde a nosa cultura. E moitísimas grazas tamén aos membros do xurado pola súa colaboración na difícil tarefa que lles tocou”, destacou Groba.

Sete agrupacións participaron neste certame celebrado no auditorio municipal.

Bordón Grellado, gañador do Concurso de Gaitas do País de Ponteareas