viernes. 22.11.2024

O Concello de Ponteareas continúa a procurar alternativas para manter unha programación cultural segura e estábel (dentro das medidas sanitarias). Así, este sábado, día 31 de outubro, divulgará, coa colaboración das panadarías de todo o municipio, bolsas do pan (en papel procedente de fontes sostíbeis, de fabricación galega, ecolóxico e 100% reciclábel) coas caras impresas de Ricardo Carvalho Calero e Alfredo Pedro Guisado acompañadas dunha breve biografía e un poema de senllos escritores.

A Concellaría de Lingua que dirixe Fernando Groba Bouza, que xa levara adiante outras iniciativas para celebrar o Día das Letras Galegas 2020 na propia semana do 17 de maio, entre as que destacou a chamada “Carvalho na túa voz” en que multitude de persoas se gravaron nas súas casas recitando textos do escritor ferrolán para publicar e compartir nas redes sociais do consistorio, retoma a celebración agasallándolles a todas as e os ponteareáns un anaquiño da nosa cultura e da nosa lingua. A excusa é o adiamento que fixo a Real Academia Galega para levar a cabo o plenario que lle corresponde pola imposibilidade de poder facelo no seu día.

“Ademais de homenaxear o escritor que nos representa a todos os galegos e galegas por ser o ano que a Real Academia Galega escolleu para el e por coincidir o 110 aniversario do seu nacemento neste venres 30 de outubro, aproveitamos a ocasión para dar a coñecer e poñer tamén en valor figuras das letras do noso concello” comenta o concelleiro nacionalista. “Este ano escollemos a Alfredo Pedro Guisado porque reencarna á perfección ese vínculo co reintegracionismo de Calero co mundo lusófono e porque o próximo ano será tamén o 130 aniversario do seu nacemento” informa.

O concelleiro de Lingua salienta a importancia de divulgar e pór en valor unha das figuras máis importantes da cultura galega do século XX, que dedicou a súa vida a dignificar o idioma e a cultura galegas, e outra que, para Ponteareas, foi tan senlleira. Agradece tamén a implicación das panadarías da localidade en divulgar a figura homenaxeada co reparto destas bolsas conmemorativas.

As panaderías ponteareáns homenaxean a Calvalho Calero