jueves. 05.12.2024

O Concello do Porriño reforzará o seu cadro de persoal con 11 novos traballadores e traballadoras que desenvolverán as súas tarefas en diferentes áreas municipais. 

Estas contratacións formalizaranse en base a dúas achegas de iniciativa social da Xunta de Galicia.

A primeira delas ascende a 103.244 euros para a contratación temporal de persoas en situación ou risco de exclusión social perceptoras da Risga e, ao seu abeiro incorporaranse 2 operarios de mantemento na área de Deportes, 3 peóns de obra pública, 3 peóns forestais e 2 conserxes. A duración destes contratos será de 9 meses con xornada parcial ao 75%. 

A segunda, conta cun orzamento de preto de 14.000 euros para a contratación de 1 peón forestal, a xornada completa durante 9 meses, no marco da liña de subvencións para o fomento do emprego no rural (APROL Rural).

“Ademais de supoñer unha nova oportunidade laboral para estas persoas que están en situación de desemprego, estas contratacións mellorarán a resposta do Concello e  reforzarán os servizos que ofrece á cidadanía”, explicou o alcalde Alejandro Lorenzo, “As institucións deben ser un instrumento útil para mellorar a vida da veciñanza e iso pasa por ambas cousas”. 

O rexedor incidiu en que o goberno municipal continuará desenvolvendo políticas que “prioricen a prestación destes servizos básicos con persoal propio”. 

As persoas interesadas en optar a estes postos de emprego deberán estar anotadas no Servizo Público de Emprego, que será quen faga a selección, nos seguintes códigos: 

• 71911023 - Operario de mantemento

• 96011029 - Peón de obra pública

• 95431028 - Peón forestal

• 58331022 - Conserxe

Amplicación do cadro de persoal porriñés
Comentarios