O alumnado-traballador da especialidade de Carpintería do obradoiro de emprego 'Porriño Labora' visitou hoxe as instalacións do CIFP Valentín Paz Andrade para coñecer polo miúdo a oferta formativa deste centro de formación profesional na súa modalidade.
Durante a visita estiveron acompañados polo alcalde, Alejandro Lorenzo, e a concelleira de Emprego e Formación, Rosario Costas, que xunto con eles participaron dunha mesa redonda co servizo de orientación do centro para resolver as súas dúbidas. De seguido, realizaron unha visita ás aulas e talleres de formación das que dispón o centro na familia profesional de madeira nas especialidades de “Carpinteria e Moble”, “Instalación e Amoblamento” e “Deseño e Amoblamento”.
“É de vital importancia que, ademais de formarse para obter os seu certificados de profesionalidade e acumular experiencia profesional, coñezan as diferentes opcións coas que contan para ampliar a súa formación e especialización”, explicou o alcalde, “Queremos que os/as participantes no obradoiro conten coas ferramentas necesarias para consolidar a súa carreira profesional no ámbito que elexiron”.
Son dez os alumnos/as-traballadores/as que participan no Obradoiro de Emprego 'Porriño Labora' na especialidade formativa de carpintería. Todos eles, contan cun contrato de formación e aprendizaxe de nove meses de duración e, á vez que se forman, levan a cabo diferentes proxectos. Unha vez finalizado o obradoiro os alumnos e alumnas obterán os certificados profesionais de “Mecanizado de madeira e derivados”, “Traballos de Carpintería e Moble” e “Aplicación de barnices e lacas en elementos de carpintería e moble”.