sábado. 23.11.2024

O Concello de Ponteareas organiza unha nova actividade de lecer para o desfrute de toda a veciñanza. Este domingo 20 de xuño, a Banda de Música A.M. Reveriano Soutullo celebrará un pasarrúas polo centro de Ponteareas. A ruada sairá ás 12.30 horas dende diante da Casa Consistorial e levará a súa música polas rúas do centro ata o Parque da Perillana.

Xa no parque, a Banda ofrecerá un concerto a partir das 13.00 horas cun amplo repertorio adaptado a todas as idades, entre o que o público poderá escoitar música galega de sempre, con pezas de compositores ponteareáns, pero tamén con títulos máis modernos.

A Banda de Música do Conservatorio Reveriano Soutullo iniciou a súa andadura en 1996 baixo a batuta de José Fernández Prego, á que en 2001 se lle suma a Agrupación Musical Reveriano Soutullo con identidade propia e coa banda de música como principal expoñente. Cunha varios premios xa na súa traxectoria, a banda está formada na actualidade por máis de 50 compoñentes e conta entre eles cun grupo de novas incorporacións que comparten os seus estudos na Escola da propia banda coa súa especialización en distintos conservatorios.

Dende a Concellería de Cultura dirixida por Fernando Groba convídase a toda a veciñanza a participar nesta actividade, que se celebrará ao aire libre e contará con todas as medidas de prevención e seguridade marcadas pola actual situación sanitaria.

A Reveriano Soutullo de ruada polo centro de Ponteareas