domingo. 24.11.2024

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, destacou hoxe a decisión do Consello da Xunta de render homenaxe ás vítimas falecidas polo coronavirus e as súas familias, para o que decretou loito oficial na Comunidade durante todo o mes de maio. “Cremos que é o momento de render unha homenaxe a todas as vítimas e de honralas como merecen”, aseverou, durante a rolda de prensa, incidindo en que este loito oficial representa o respecto a súa memoria e aos seus familiares.

Ao longo da súa intervención, Feijóo referiuse tamén ao informe da Consellería de Sanidade sobre a evolución da pandemia en Galicia e a situación do sistema sanitario galego de cara ao proceso de reactivación social e económica.

Nesta liña, o responsable da Administración autonómica afirmou que a Comunidade afronta un momento clave desta pandemia cuns indicadores epidemiolóxicos e cunha capacidade sanitaria que a sitúan nunha posición sólida: tanto en datos de ocupación de camas de críticos e agudos, como na disposición de equipos de reserva –UCI e respiradores-, na capacidade diagnóstica instalada nos laboratorios e na dispoñibilidade de stock de equipamento de protección sanitaria.

“Estamos preparados para iniciar a reactivación económica porque entendemos que cumprimos as condicións, pero non o podemos asegurar con certeza porque non sabemos aínda cales son as condicións que temos que cumprir para pasar á fase 1 do que Goberno central chama desescalada”, dixo, incidiu na necesidade de coñecer o baremo ou o punto de corte nos indicadores, para dar certezas.

“E tampouco hai datos obxectivos ou serolóxicos”, recordou, pedindo unha vez máis concreción e certezas. “Non podemos seguir sen concretar cales son os criterios fundamentais que se van aplicar; criterios obxectivos, constatables e contrastados, para pasar da fase da discrecionalidade á fase das certezas”, abundou.

COMPRAS DE MATERIAL

Unha semana máis, Feijóo destacou a aprobación no Consello dunha nova contratación, polo trámite de emerxencia, de diversos materiais de protección destinados a profesionais e doentes, medios de transporte para virus e test de detección de virus.

Esta nova compra para facer fronte á pandemia do COVID-19, conta cun importe de 1,6 millóns de euros para mercar, entre outro material: 3.200.000 unidades de batas protectoras; unhas 650 garrafas de 5 litros de solución desinfectante superficies; máis de 340.000 pares de luvas; 2.500 unidades de medios de transporte para virus; e 103.100 unidades de test de detección do virus.

Neste mesmo sentido, Feijóo referiuse tamén a unha nova adquisición de equipamentos electrónicos e informáticos, para subministrar materiais para que os profesionais do Sergas poidan traballar na casa; e para proporcionar infraestruturas TIC á reorganización e ampliación de espazos que se vai a producir nos centros sanitarios, na medida en que se vaia reprogramando a actividade.

Con esta partida mercaranse, por exemplo: 500 ordenadores portátiles, 300 pantallas de para ordenador, 300 teclados con lector chip, 500 lectores smart card, ademais de adaptadores USB, equipos de electrónica de comunicación e servidores.

Por último, o titular da Xunta resaltou tamén a aprobación polo trámite de emerxencia da subministración de materiais e outros consumibles para a realización de análises de mostras biolóxicas con potencial infección con coronavirus. Un material necesario para a colaboración do Laboratorio Sanidade Animal e Produción Animal (Lasapaga) da Consellería de Medio Rural nas actividades de diagnósticos do COVID-19.

O Goberno galego rende homenaxe ás vítimas falecidas polo coronavirus e as súas...