O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, convocou este mediodía aos partidos políticos galegos para abordar a convocatoria electoral, tras coñecer os informes dos expertos que sitúan o principio do verán como o momento máis seguro. “Acabo de remitir estes informes aos partidos políticos para que poidan avalialos e convócoos a unha reunión mañá para escoitar a súas opinións e reflexións. A partir da opinión dos expertos -e tamén escoitarei a opinión dos partidos políticos-, tomarei a decisión que creo sexa a máis responsable”, abundou.
Despois de que a pandemia obrigase a suspender o proceso electoral previsto para o 5 de abril, e co compromiso de activalo de novo “no prazo máis breve posible”, Feijóo trasladou hoxe o contido dos informes sanitarios -informe da área de Saúde Pública da Xunta, do presidente da Sociedade Galega de Medicina Intensiva, do presidente da Sociedade de Urxencias e Emerxencias de Galicia e do xefe de enfermidades infecciosas do CHUAC- e do informe da Asesoría Xurídica da Xunta, encamiñados a orientar unha decisión “que non é, en ningún caso, sinxela”.
Así, desde o punto de vista sanitario, e sempre que se manteñan as previsións, o presidente da Xunta trasladou que os expertos coinciden en que o momento que pode ofrecer menos incertezas para poder votar é o principio do verán, sendo a seguridade sanitaria maior canto antes se celebren os comicios. Pola contra, as incertezas increméntanse canto máis avance o ano, restando garantías para que se poida celebrar un proceso electoral en condicións sanitarias axeitadas.
Sobre este último punto, explicou, entre outros aspectos, que os meses de maior recepción de visitantes na Comunidade son xullo e agosto, “o que pode expoñernos a máis contaxios importados”; as condicións meteorolóxicas do verán -temperaturas maiores, raios ultravioleta- poderían contribuír a reducir o impacto do virus; “e os modelos epidemiolóxicos non descartan un novo pico da enfermidade con máis probabilidade despois do verán”, engadiu.
O responsable do Executivo galego resaltou que o informe xurídico subliña que se dan as condicións xurídicas para a convocatoria e celebración dunhas novas eleccións, considerando que se se estima que as condicións poden ser peores no outono, o prudente e correcto é proceder a unha nova convocatoria á maior brevidade, para non poñer en perigo o dereito fundamental do sufraxio activo e pasivo.
“En definitiva, a Asesoría Xurídica indica que as eleccións poderían convocarse á maior brevidade; e os informes sanitarios conclúen que o mellor momento para a celebración das eleccións conta con maiores garantías a principios do verán que a finais do verán”, expuxo.
LOITA CONTRA A PANDEMIA
En calquera caso, Feijóo aseverou que o Goberno galego segue traballando na prioridade, que non é outra que a loita contra a pandemia e a reactivación social, laboral e económica das familias e das empresas galegas. “En Galicia contivemos máis o virus pero, mentres non haxa unha vacina, segue existindo agora, seguirá existindo en xullo e seguirá existindo en setembro; e esta obrigada convocatoria electoral non vai variar a prioridade da Xunta, nin a de -estou convencido- os partidos políticos de Galicia”, aseverou, subliñando que esta mesma semana espérase contar cos resultados definitivos da primeira ola do informe epidemiolóxico, cuxos primeiros datos permiten chegar a unha conclusión: Galicia contivo máis o virus e a poboación galega afectada sitúase no entorno do 1%.
Nesta mesma liña, destacou que a Administración autonómica xa ten practicamente ultimado un protocolo de reactivación sociosanitaria referido a centros de día, de maiores e de discapacidade; cun marco de actuación xeral e liñas específicas para garantir a apertura paulatina, gradual e segura.
“A semana pasada aprobamos un protocolo sobre a reactivación da Atención Primaria e este luns aprobamos tamén: un protocolo para a reactivación da actividade ordinaria hospitalaria, un protocolo clínico asistencial para o uso de plasma hiperinmune e un protocolo de finalización na realización das probas test a todos os profesionais -sanitarios e non sanitarios- do Sergas”, engadiu, ademais da aprobación dun plan para garantir a reincorporación dos empregados públicos ao traballo presencial de forma gradual e segura.
Por último, Feijóo incidiu tamén na necesidade de evitar as improvisacións no eido educativo. Ao respecto, resaltou a xuntanza que a Consellería manterá esta tarde con anpas e sindicatos para abordar a posición de Galicia ante a Conferencia sectorial que terá lugar mañá. “É imprescindible coñecer os protocolos de volta ás aulas, saber como se vai iniciar o vindeiro curso e tamén, como e en que casos se poden retomar parcialmente as tarefas educativas no que queda de curso”, recalcou.