María Varela, chef e propietaria da Parada das Bestas: “As dúas palabras, Galicia e Calidade, son máxicas e xuntas son incribles”

Na comarca da Ulloa, A Parada das Bestas é todo un referente de aloxamento rural. María Varela e o seu home, Suso Santiso, son os anfitrións dun conxunto de casas todas coas distintivas fiestras azuis. Para o ano 22, xa cumpren 25 anos desta aventura rural. Tras dedicarse un tempo á cría de cabalos, “empezamos facendo rutas ecuestres” explica María. “Esta actividade tivo moita aceptación…Facíanos moita ilusión e comezamos cun pequeno aloxamento cun comedor…”.

 En 1992 adquiren o caserón en ruínas, unha antiga casa de labranza do século dezaoito. Cinco anos despois, abren ao público o edificio principal restaurado.

O que quizais máis valoren os seus hóspedes “é a paz e a tranquilidade que hai aquí, o poder desconectar…Temos clientes que son peregrinos que están a facer o Camiño e outra xente que está de vacacións. Aquí pódese pasear, ir ao río, degustar boa gastronomía…Estar en contacto cos veciños da aldea e coñecer como se vive”.   Certamente, “valoran máis o espazo ao que nós nos acostumamos…e a vida aquí”.

María Varela é unha persoa de gran sinxeleza. Non se dá ningunha importancia…Incluso cando fala da súa profesión como chef recoñecida. “Temos unha boa gastronomía porque temos bos produtos. Só hai que botarlle man a iso que temos aquí, que nos rodea…, como, en xeral, en toda Galicia. Penso que a gastronomía depende do produto”.

En A Parada das Bestas, María traballa moito co queixo da Denominación de Orixe da Ulloa. Aprecia a súa “versatilidade” para distintas elaboracións, tanto o cremoso como o curado, chamado queixo de nabiza. O outro prato forte é o galo guisado con exemplares da raza autóctona do Galo de Mos. “É unha carne resistente que hai que guisar a baixa temperatura e bastante tempo”, indica a chef. Eles son criadores e ademais empregan os ovos desta raza que adoitan ser máis grandes que os habituais de galiña.

María é de Palas de Rei, acostumada a vida rural, onde sempre viviu. Dos seus pais quedoulle ben gravado aquilo de “saber agardar”. “Antes non o vía e agora que teño máis anos entendíno…”.

A Parada das Bestas conta co Q de calidade e desde hai catro ou cinco anos está baixo o selo de Galicia Calidade. “As dúas palabras, Galicia e Calidade, son máxicas e xuntas son incribles”. E engade: “Esta certificación valórana máis fóra de Galicia, aínda que aquí cada vez máis…”. E explica como inflúe nas axencias estranxeiras para reservar aloxamento. “O selo de Galicia Calidade supuxo para nós unha garantía moi boa”.

Desde este establecemento rural pódese desfrutar da gastronomía de temporada, do medio natural, da ruta do románico…, do castelo de Pambre, da fervenza do Mácara, do balneario abandonado de Frádegas…

O perfil de clientes é moi variado, desde estranxeiros ata familias que demandan as casas apartamento para estar ao seu aire, e máis nestes tempos pos pandémicos, parellas, peregrinos…Non faltan clientes lusos procedentes, principalmente, do Porto e Lisboa. “Portugal ten un bo nivel de turismo rural, boas quintas, e son moi hospitaleiros”, precisa María.

No horizonte próximo, A Parada das Bestas está co proxecto de sostibilidade de todo o complexo, como reciclando e aproveitando a auga dos cuartos para regar o céspede…Tamén quere ampliar as placas solares para obter máis enerxía fotovoltaica…

Son 25 anos, e os desafíos seguen aparecendo…”Nunca está conseguido del todo. Sempre hai pequenos retos. Levamos anos, pero quédanos moito por facer e moita ilusión”, di María con esa discreción que a caracteriza.

Print Friendly, PDF & Email
Me gusta
Me gusta Me encanta Me divierte Me asombra Me entristece Me enfada
2