Mare nostrum
En alta mar cada ano morren miles de persoas, cuxas vidas parece que non importen demasiado. Sobre todo no Mediterráneo, que na época romana era coñecido como Mare nostrum (mar noso); e ante esta traxedia determinados Gobernos, de maneira inexplicable, tentan frear o labor de quen pon en risco a súa vida para salvalas, sementando dúbidas sobre o que fan.
Entre as ONG que algúns Estados tratan de frear, está o Open Arms, onde unha coruñesa -Olalla Vecino- é oficial do devandito barco, o cal hai un mes tivo que volver suspender o seu traballo porque o Goberno italiano volveu retelo durante vinte días.
Na entrevista que concedeu en febreiro á Cadea Ser, comentou que desde pequena estivo metida na auga, sempre tivo unha inclinación polo social e acabou estudando Náutica.
Á pregunta de cantas vidas salvou, contestou que non sabería dicir un número pero que nas misións que participou salvou centos de vidas. No Open Arms teñen quendas de catro e oito horas de traballo e descanso consecutivos; e continuamente fan exercicios para estar preparados para cando chegue o momento do rescate. As prácticas fanas tanto no barco grande (o Open Arms) como nas dúas embarcacións pequenas, que levan socorristas e patróns, e son as que adoitan achegarse a quen necesita axuda.
Tamén comentou que todo o que sucede no mar é coa complicidade de Europa, pois todo o que está a pasar sábese e estase permitindo. E sobre a última retención do Open Arms, engadiu que ademais lles puxeron unha multa que podería chegar ata os 10.000 euros. Desde a ONG denuncian que o seu único delito foi salvar 176 vidas en perigo e que a xustiza nalgún momento dirá ao Goberno italiano que vulnera o dereito internacional marítimo.
Segundo Olalla, os Gobernos europeos están a poñer moitas trabas ao traballo que realizan e que este terían que facelo os Estados. Pero mentres non o fagan, como é a súa obrigación segundo as leis, van seguir rescatando xente para que non morra no mar.
Cando lle preguntaron sobre a imaxe chocante de ver persoas gozando na praia e outras tentando salvar as súas vidas, contestou que non tería que ocorrer e que ás veces hai pouca empatía con outras persoas pola cor da súa pel ou a súa orixe. Así como cando a nosa sobriña márchase a traballar de enfermeira a Londres hai empatía, cando quen se despraza son diferentes non o entendemos. Teriamos que querer para os demais o mesmo que para nós.
Sobre o chamado “efecto chamada” do que tanto se fala, dixo que resulta bastante frustrante e que a xente debe informarse mellor. No Open Arms sempre van dous xornalistas independentes, que non son sempre os mesmos, para que vexan o que pasa e faise, e nunca dixeron que fixeran algo irregular.
Ao escoitar a Olalla, acordeime do acto que promoveu Amnistía Internacional o pasado 14 de xaneiro, iluminando torres en 180 localidades mediterráneas para concienciar á cidadanía sobre todo o que está a pasar no mar.
Para que serve que a Convención das Nacións Unidas sobre o Dereito do Mar estableza que todo Estado esixirá ao capitán dun buque que enarbore o seu pavillón que, sempre que poida facelo sen grave perigo, preste auxilio a toda persoa que se atope en perigo de desaparecer no mar? Tamén establece que todo Estado ribeirego fomentará a creación dun servizo de salvamento para garantir a seguridade marítima e aérea, e cooperará cos Estados veciños. Oxalá non tivese que haber barcos das ONG con voluntarios no Mediterráneo porque os Estados cumprisen co previsto no tratado.