A retranca: nin humor nin ironía nin burla
A retranca, coma a morriña, é un dos conceptos máis vencellados aos galegos por propios e estraños, mais téndese a abusar del e a usalo sen propiedade, confundíndoo ás veces con outros conceptos máis ou menos afíns, como a ironía, a sorna ou mesmo a sátira.
Da retranca dise adoito que é a característica principal do humor popular galego e tamén identifícase a miúdo coa ironía, ata o punto de que ten sido chamada “a versión galega da ironía” ou simplemente “a ironía galega”. Unha ironía á que, ademais, se enche de burla.
Na realidade, a retranca non é humor nin ironía, nin burla. Non é humor porque non busca provocar o riso ou o sorriso de ninguén. Non é ironía porque o retranqueiro, aínda que fale cunha segunda intención, como din os dicionarios, non dá a entender necesariamente o contrario do que está a dicir. E non é burla porque quen a usa non o fai nunca para agredir, senón só para se defender.
En definitiva, a retranca é, como afirma Siro, unha trécola intelectual que nos permite saír dunha situación conflitiva sen nos comprometer; unha habelencia para dicir o que un quere, e non o que os outros esperan, sen que pareza mal. Fai posible que reservemos ou agochemos o que realmente pensamos cando nos piden a nosa opinión de algo sobre o que non nos queremos definir. Ten sempre un carácter autodefensivo,
nunca ofensivo.
O mellor exemplo de retranca é a coñecida frase “Por un lado xa ves e por outro que queres que che diga” coa que se responde –sen responder na realidade– a quen nos pregunta o noso parecer sobre unha cuestión determinada. Estamos reservando a nosa verdadeira opinión, pero semella o contrario, que estamos a dicir algo de fundamento. Porque a retranca é unha evasiva que non parece tal, unha resposta que non é resposta
ningunha, pero paréceo. Velaí o seu mérito.
Outro bo exemplo de retranca atopámolo nunha das estampas máis famosas de Castelao. Un taberneiro pregúntalle a un paisano: “Que che parece o meu viño?”, e o paisano responde: “Por onde vai, molla e como refrescar, refresca”. O taberneiro quería oír que o seu viño era moi bo. O paisano non di iso, pero tampouco o contrario; e o máis importante é que dá unha resposta que lle permite zafarse da situación e que deixa máis
ou menos satisfeito ao taberneiro.
Porén, na práctica a retranca é confundida moitas veces coa sorna, que, sen deixar de ter un certo carácter autodefensivo, conleva xa un tanto de burla e ironía que, como afirma tamén Siro, a converten nunha forma de sátira non moi agresiva –a ofensa menos grave–, que se conforma con burlarse sen ferir. No mesmo Castelao atopamos algúns bos exemplos, como este: “–Os taberneiros non sodes boa xente. –Porque tratamos con
borrachos”. O estoutro: “–Se os nosos deputados fosen cataláns, sacaban o ferrocarril. –Abondaba que se sentisen galegos”. Moita xente chamaría a isto retranca, pero na retranca xenuína non hai nunca esta crítica velada, esta ironía burlona.
En conclusión, a retranca non é humor nin ironía nin burla, pero si unha forma de sabedoría popular e colectiva que ten permitido aos galegos sobrevivir durante moitos séculos.