viernes. 22.11.2024

O Hostal dos Reis Católicos acolleu esta mañá a presentación oficial das tres novas guías turísticas que a Red de Juderías de España- Camino de Sefarad ven de incorporar á súa colección para por en valor e difundir o legado xudeu no noso país, correspondentes a Monforte, Ribadavia e Tui. No acto participou a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, a xerente da Red de Juderías de España, Marta Puig, a autora das guías, Alejandra Abulafia e os alcaldes das tres vilas, José Tome, de Monforte, Noelia Rodríguez de Ribadavia e Enrique Cabaleiro, de Tui.

“Somos unha terra chea de historia e de patrimonio e, por iso, cada vez son máis os viaxeiros que nos elixen para descubrir os vestixios da nosa historia na que o legado xudeu é amplo e riquísimo, un pasado que forma parte do noso acervo cultural e que constitúe unha parte importante da nosa identidade cultural como galegos”, explicou a directora de Turismo de Galicia.

As tres novas guías veñen a ampliar a colección de máis de 20 publicacións que xa ten editadas Camino de Sefarad, conformado un amplo católogo que permite dar a coñecer as xuderías existentes en España e o seu altísimo valor patrimonial e cultural. As publicacións nacen co obxectivo de por en valor este patrimonio, dos seus conxuntos medievais e, sobre todo, da herdanza das Comunidades xudías que os habitaron.

Desde o punto de vista turístico trátase de publicacións que, ademais, veñen a enriquecer a oferta turística cultural de calidade en Galicia, ofrecendo novas experiencias nestes enclaves das provincias de Lugo, Ourense e Pontevedra.

Guías turísticas das xuderías de Monforte, Ribadavia e Tui