Un estudo revela que Tui recibe moitos máis peregrinos do Camiño Portugués dos que contabilizan as estatísticas oficiais
Unha investigación exhaustiva realizada polo tudense Alfonso Ferreira ao longo de 2024 no Camiño Portugués ao seu paso por Tui evidencia que un número significativo de peregrinos que chegan á cidade pola ruta da Costa, procedente de Portugal, non están a ser incluídos nas estatísticas oficiais. O estudo, presentado recentemente, realizou 4.324 enquisas a pé de Camiño nos meses de febreiro, maio, agosto e novembro.
A investigación estatística de Ferreira revela que dos 39.546 peregrinos contabilizados durante eses catro meses, un 16% (702 persoas) chegaron a Tui a través do trazado oficial portugués do Camiño Portugués da Costa (Viana – Caminha – Valença), un fluxo que non se reflicte correctamente nas cifras da Oficina do Peregrino da Catedral de Santiago. No ano pasado, esta oficina entregou 93.176 “Compostelas” a peregrinos do Camiño Portugués (central).
Segundo as conclusións do estudo, o número real de peregrinos que parten ou pasan por Tui é aproximadamente o dobre dos que se contabilizan na ruta da Costa no seu tramo por A Guarda – Vigo. Isto cuestiona directamente as estatísticas oficiais, que suman os peregrinos da Costa (incluíndo o tramo portugués) aos que realizan o trazado por A Guarda e Vigo, inflando así as cifras desta última ruta e infravalorando o fluxo real por Tui.
A concelleira de Turismo de Tui, Ana María Núñez, felicitou e agradeceu a Alfonso Ferreira este traballo, que confirma o notable incremento de peregrinos que utilizan o trazado portugués da Costa dende a súa oficialización. Núñez coincidiu na necesidade de solicitar á Oficina do Peregrino da Catedral de Santiago que axuste o seu método de conteo para reflectir a nova realidade do Camiño Portugués ao seu paso por Tui.
O estudo tamén ofrece datos detallados sobre o perfil dos peregrinos que pasan por Tui: o 56% son mulleres, o 44% homes, e os principais grupos de idade son de 20-40 e 40-60 anos. Un 73,5% ten estudos superiores e contabilizáronse peregrinos de 73 países, sendo os estranxeiros maioría (57,5%), principalmente de Portugal, Alemaña e Italia. Entre os españois, destacan os procedentes de Andalucía, Madrid e Valencia. A motivación principal para realizar o Camiño é espiritual (49,8%), seguida da cultural, deportiva e relixiosa. A maioría alóxase en albergues privados (58,9%) e viaxa acompañada por ata tres persoas (74,9%). Un dato salientable é que a principal fonte de información sobre este Camiño Portugués de Tui é o “boca a boca”. Ademais, a inmensa maioría dos enquisados visitaron Tui durante a súa estadía e un alto porcentaxe (2.483) manifestou a súa intención de volver.
A edil tudense tamén destacou a alta satisfacción dos peregrinos coa súa visita a Tui, o que anima a repetir e recomendar a cidade, evidenciando a hospitalidade local e a calidade do seu patrimonio.