domingo. 24.11.2024

O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, participou esta tarde no webinario Perspectivas económicas nos principais mercados das empresas galegas, organizado pola Asociación Española de Directivos (AED) na que animou aos asistentes a considerar a situación actual como unha oportunidade para impulsar novos sectores e chegar a máis mercados.

Na súa intervención, Conde asegurou que neste novo escenario que xurdiu da pandemia, a economía galega non se parou grazas ao labor dunhas empresas comprometidas que seguiron exportando e permitiron afrontar mellor este novo contexto económico.

Así, lembrou que nos dous últimos meses Galicia foi unha das comunidades nas que máis creceron as vendas ao exterior. Por exemplo, segundo os últimos datos publicados, correspondentes a xullo, medraron un 4,3%, o que a situou como a segunda rexión en crecemento. Neste sentido, a automoción e o sector agroalimentario foron os que rexistraron un mellor comportamento.

O vicepresidente económico incidiu en que hai que entender a crise actual como unha oportunidade para establecer novas estratexias como a venda e o márketing en liña; para novos sectores, como o das TIC ou o contract; así como para chegar a máis mercados.

Conde finalizou trasladando unha mensaxe de estabilidade e confianza e asegurou que o Goberno galego seguirá ao carón das empresas da Comunidade afrontando os retos da internacionalización, a dixitalización e a creación de emprego de calidade a través do Plan de reactivación económica, que destina máis de 3000M€ de investimento público-privado a iniciativas como o programa Galicia Exporta Dixital que mantén aberta a súa convocatoria ata finais do mes de novembro.

Unha oportunidade para impulsar novos sectores e chegar a máis mercados