domingo. 24.11.2024

O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, avanzou que a Xunta e o clúster do naval, Aclunaga, van desenvolver unha axenda común para que o sector poida optar aos fondos europeos de reconstrución Next Generation. Así o adiantou tras unha xuntanza na que acordaron, tamén, reclamar conxuntamente que haxa igualdade de criterios na distribución das axudas que xa se están a conceder a estaleiros europeos.

“Desde a Xunta de Galicia facemos nosa a reivindicación do sector naval galego para que desde a UE se establezan criterios claros, homoxéneos e transparentes que lle permitan competir en igualdade de condicións”, aseverou Conde. Ao respecto, solicitou ao Goberno de España que dialogue coa Unión Europea para garantir que esta industria pode acceder ás diferentes axudas e aos mesmos instrumentos de apoio que neste momento se están a aplicar noutros países europeos como Alemaña e Holanda.

Na reunión, Xunta e Aclunaga decidiron, ademais, desenvolver un traballo conxunto para definir novos proxectos cos que o sector naval galego poida optar aos fondos europeos Next Generation. O vicepresidente económico dixo que, desde a colaboración público-privada, estes fondos supoñen unha oportunidade en termos de innovación e de formación, polo que apelou a concentrar esforzos para que esta industria sexa prioritaria no seu reparto e garantir, así, a súa competitividade no futuro.

O sector naval galego representa o 4,3 por cento do PIB, con 295 empresas que facturan máis de 2100 millóns de euros. Na actualidade, lidera a carteira de pedidos a nivel nacional, con 23 buques asignados por un valor de 824 millóns de euros.

O clúster do naval podería acceder aos fondos europeos de reconstrución Next Generation