domingo. 24.11.2024

A Consellería do Mar destina 16 millóns de euros á convocatoria de axudas de 2021 para investimentos en pequenas e medianas empresas de transformación dos produtos pesqueiros e de acuicultura. Deles, seis millóns de euros son para a anualidade 2021 e a cantidade restante, 10 millóns de euros, para a anualidade 2022. A través destas achegas, cofinanciadas co Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP), apoiaranse ata o 50% dos investimentos que fagan as pemes que fomenten a sustentabilidade ambiental. Así o especifica a orde que publicou esta semana o Diario Oficial de Galicia.

Nela tamén se detalla que son obxecto destas axudas os proxectos que contribúan a aforrar enerxía ou reducir o impacto no medio ambiente, que melloren a seguridade, a hixiene, a saúde e as condicións de traballo e que axuden á transformación de capturas de peixe comercial que non se poidan destinar ao consumo humano. Tamén son subvencionables aquelas actuacións relacionadas coa transformación de produtos de acuicultura ecolóxica, así como as que dean lugar a novos e mellores produtos, procesos e sistemas de xestión e organización, entre outros.

Noutras convocatorias a través destas achegas, subvencionáronse, entre outros proxectos, algúns relacionados coa posta en marcha de industrias de procesado de peixe, con equipamentos para a mellora dos procesos de transformación, coa innovación no ámbito de novos e mellores procesos, coa mellora no tratamento de residuos e o aforro enerxético.

TRIPULANTES

Esta semana o DOG tamén publicou a convocatoria de 2021 de axudas a tripulantes de buques pesqueiros galegos para investimentos que fomenten a pesca sustentable e que ten como obxectivo impulsar que estes mariñeiros adquiran a súa primeira embarcación e inicien a actividade como armadores.

A orde destes apoios conta cun orzamento de 300.000 euros. O investimento máximo subvencionable será o do prezo de adquisición do buque e a axuda será o 25% do devandito custo, sen que en ningún caso esta sexa superior a 75.000 euros. Con esta medida a Xunta pretende favorecer a remuda xeracional no sector, de feito poderán beneficiarse destas subvencións os tripulantes de buques pesqueiros con porto base en Galicia que teñan menos de 40 anos no momento de presentar a solicitude.

Son obxecto destas achegas os investimentos para a adquisición dun buque pesqueiro pertencente a un segmento de frota que estea en equilibrio respecto da capacidade pesqueira e os recursos pesqueiros dispoñibles. É dicir, aqueles nos que o número de embarcacións está axustado ás existencias das especies pesqueiras que capturan, polo que non pode haber sobreexplotación, un requisito indispensable imposto pola Unión Europea.

Os interesados tamén deben estar dados de alta no Réxime Especial do Mar da Seguridade Social e ter traballado polo menos cinco anos como pescadores ou ter a titulación profesional exixida segundo o tipo de embarcación que adquiran. Ademais, o buque que se compre ten que estar operativo e inscrito no Rexistro Xeral da Frota Pesqueira e no Rexistro de Buques Pesqueiros de Galicia, ter unha eslora total inferior aos 24 metros, ter entre 5 e 30 anos de antigüidade e estar equipado para a pesca mariña.

As persoas interesadas en acceder tanto a estes apoios como aos destinados a pemes de transformación dos produtos da pesca e da acuicultura poden consultar os requisitos e a documentación necesaria nas ordes que publicou esta semana o DOG e o prazo de presentación de solicitudes de ambas convocatorias é dun mes contado a partir do día seguinte á súa publicación.

Galicia subvenciona ata a metade das melloras nas pemes de transformación de produtos...