O vindeiro martes, 18 de maio, pechará o prazo para solicitar as axudas da cuarta convocatoria do programa Talento Sénior impulsado pola Axencia Galega de Innovación (Gain), dependente da Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación da Xunta de Galicia. Trátase dunha iniciativa coa que a Administración autonómica fomenta o emprego cualificado baixo a premisa de que o capital humano é o factor diferencial máis importante á hora de determinar o desempeño innovador das empresas e entidades.
En concreto o obxectivo é facilitar a contratación de arredor de 14 profesionais altamente cualificados ou investigadores doutores con máis de cinco anos de experiencia en empresas, organismos de investigación non universitarios públicos e privados e centros tecnolóxicos. O seu obxectivo é a atracción e retorno deste persoal de alta cualificación para que continúe desenvolvendo a súa carreira profesional en Galicia, así como estimular a demanda no sector público e privado deste tipo de perfís para acometer proxectos de I+D+i. Os incentivos á contratación variarán entre un 40% e un 60% en función da retribución bruta, que será dun mínimo de 40.000 euros. Os contratos serán dun período mínimo de tres anos e poderán estar formalizados desde o pasado 1 de xaneiro ata o vindeiro 1 de outubro. Resérvanse un total de 960.000 euros.
Con esta iniciativa búscase impulsar o emprego cualificado e de calidade, por elo prímanse entre os seus criterios de avaliación os contratos indefinidos ou de máis longa duración, o salario a percibir para a contratación de traballadores ou a existencia de plans de formación nas empresas.
Ademais, perséguese impulsar o emprego feminino e a incorporación das mulleres ás actividades de I+D+i. Para elo, as convocatorias contan con medidas de fomento da participación feminina no eido da ciencia e a innovación, incluíndo nos criterios de adxudicación unha importante reserva de puntos para os perfís femininos. O obxectivo final é contribuír a un sistema de innovación máis igualitario en Galicia.
Grazas ás anteriores convocatorias de Talento Sénior incorporáronse ata a data 36 profesionais cualificados a actividades de I+D+i nas empresas e centros de coñecemento galegos.
Esta actuación compleméntanse con outras liñas que forman parte do Programa Talento 2018-2021, como é Principia, que xa permitiu incorporar a 542 profesionais; o Oportunius, que desde a súa posta en marcha ten axudado a realizar cinco contratos a gañadores ERC; e Ignicia, que permitiu o apoio de máis de 120 postos de traballo; así como os programas de apoio ás etapas predoutorais e posdoutorais.
Con estas iniciativas tense contribuído a incrementar o persoal dedicado a actividades no ámbito da I+D+i en Galicia, e así, segundo os últimos datos do Instituto Nacional de Estatística (INE), esta cifra aumentou na Comunidade nun 18,34% na última lexislatura, seis puntos máis que a media do Estado, chegando aos niveis máis altos de toda a serie histórica con 10.085 persoas en I+D e 6724 investigadoras e investigadores. Ao mesmo tempo séguese a incrementar a incorporación das mulleres ás actividades de I+D+i, representando o 41,20%, por riba da media nacional que é do 40,62%.