O Concello de Santiago de Compostela e a Unión de Consumidores de Galicia poñen en marcha unha serie de actividades coas que buscan fomentar entre as persoas consumidoras do Concello de Santiago un coñecemento máis profundo da economía circular para que sexan conscientes da necesidade de facer un consumo responsable e sostible, e da importancia de reciclar correctamente, especialmente agora que se está a introducir o chamado “quinto contedor” no que só se poderá verter materia orgánica.
O día 2 de decembro, ás 19.30 horas, celebrarase no Teatro Principal o faladoiro ‘Arredor da economía circular’. O evento, que será conducido polo divulgador científico Manuel Vicente, director e presentador do programa Efervesciencia da Radio Galega; contará coa participación de Eva Quiroga, bióloga especializada na Xestión do Desenvolvemento Sostible, e dos actores e humoristas Fran Rei e Pedro Brandariz
Este espazo de encontro entre a ciencia e o humor servirá para reflexionar en materia de consumo e medio ambiente poñendo o foco nas vantaxes da economía circular, as dificultades e resistencias existentes á súa implantación, o proceso de integración e normalización da compostaxe nas cidades; así como tamén en cuestións que van desde o problema que supoñen os residuos electrónicos ata a correcta utilización dos contedores de reciclaxe.
Por limitacións de aforo e para cumprir coas normas hixiénico sanitarias, será preciso anotarse no seguinte formulario para poder asistir presencialmente ao faladoiro, indicando nome e apelidos das persoas que asistirán ao evento (ata un máximo de tres). O evento é gratuíto.
Ademais, o coloquio será emitido en directo a través da canle de Youtube da Unión de Consumidores de Galicia.
Concurso de Tik Tok
A UCGAL e o consistorio compostelá tamén porán en marcha o concurso Conecta coa Economía Circular a través da aplicación Tik Tok, proposta que busca concienciar e sensibilizar á mocidade sobre á importancia de coidar a nosa contorna reducindo o noso impacto ao transitar a un modelo de economía circular que aposte pola reciclaxe, a reutilización, o aforro no consumo e actitudes conscientes sobre o bo uso dos recursos.
Neste concurso poderán participar mozos e mozas con idades comprendidas entre os 13 e 17 anos que vivan ou estuden no Concello de Santiago de Compostela. Para participar terán realizar un vídeo a través da aplicación Tik Tok centrado nas 4 RRR, reducir, reutilizar, reciclar e reparar; no quemostren a súa idea sobre a reciclaxe, como afrontan cuestións como a obsolescencia programada dos produtos (especialmente os tecnolóxicos) ou se son capaces de darlle outra vida a algúns produtos ou materiais. Os vídeos a presentar deberán ter unha duración máxima dun minuto e utilizar o hashtag #EuCompost_Ela. Admitirase un vídeo por participante de estilo libre podendo incluírse humor, efectos especiais, baile... Os vídeos deberán ser orixinais e propios do autor ou autora.
O prazo para o envío das producións audiovisuais é do 4 ao 24 de novembro, ambos inclusive, e deberán cumprir as bases que poden consultarse na seguinte ligazón.
Un xurado especializado conformado por representantes do Concello de Santiago de Compostela da UCGAL e Moncho Lemos, experto do audiovisual galego, elixirá aos tres gañadores do certame.
O primeiro premio do concurso consiste nun vale por 200 euros para usar no comercio local compostelá. Tanto o segundo como o terceiro premiados/as recibirán un vale por 100 euros a gastar en establecementos de Santiago de Compostela.
A Unión de Consumidores de Galicia contactará cos gañadores do certame mediante correo electrónico e/ou teléfono e fará entrega dos premios o día 2 de decembro, ao peche do faladoiro ‘Arredor da economía circular’.
Exposición “Os Benfeito fan Compost_ela”
Os máis pequenos da casa son tamén protagonistas do proxecto #EuCompost_ela, xa que da man da familia Benfeito poderán facer un percorrido polos aspectos máis relevantes da economía circular e iniciarse ou consolidar coñecementos propios dun consumo responsable e sostible.
Trátase dunha exposición itinerante por centros de infantil e primaria que irá acompañada dunha acción informativa dirixida ao alumnado que fai uso do servizo de comedor do centro durante os tempos de espera ate a hora da recollida.
Realizarase sobre a base de 8 paneis (100x70) que amosarán diferentes problemáticas e/ou consellos adaptados á idade de nenos e nenas e será dirixida por monitores de tempo libre con coñecementos en medio ambiente.