Os oito portais e centros de visitantes vencellados á Rede de Parques Naturais de Galicia acaban de retomar a súa actividade de cara ao público logo do levantamento da suspensión que pesaba sobre este tipo de instalacións debido ao COVID-19. Así o comprobou persoalmente a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, que visitou esta mañá o Centro de Interpretación das Fragas do Eume acompañada pola directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo.
Cómpre lembrar que estas oficinas de atención ao visitante levaban pechadas desde a declaración do estado de alarma a mediados do mes de marzo. Na súa última reunión, sen embargo, o Centro de Coordinación Operativa da Xunta acordou reabrir ao público os centros de visitantes e de interpretación dos parques naturais galegos, ao amparo da orde de 30 de abril que regula as condicións nas que se pode realizar actividade física non profesional ao aire libre e permite “circular por calquera vía ou espazo de uso público, incluídos os espazos naturais e zonas verdes autorizadas”.
Como paso previo á súa reactivación, Vázquez Mejuto explicou que se tiveron que adoptar toda unha serie de medidas hixiénicas e de atención ao público co obxectivo de garantir a prestación do seu servizo pero “minimizando ao máximo o posible risco de contaxio”.
Para iso, a Consellería deseñou e aprobou un protocolo de actuación ante o COVID-19 neste tipo de centros que implicou reorganizar tanto os espazos de traballo como os reservados para a circulación dos visitantes co fin de manter sempre a distancia de seguridade, reforzar a hixiene e a limpeza das instalacións, colocar carteis informativos, marcas no chan e outros elementos de sinalización de utilidade, ou limitar o aforo máximo ao recinto, evitando aglomeracións.
Neste sentido, prevese que os visitantes, que deberán acceder ao centro provistos de máscaras, agarden fóra das instalacións cando non se poida manter a distancia establecida entre eles e os grupos deberán ser reducidos, non superando en ningún caso as 10 persoas e sempre mediante cita previa.
DURANTE O ESTADO DE ALARMA
Despois de dous meses de inactividade pública nos portais e centros de visitantes dos parques naturais, Ángeles Vázquez subliñou que durante todo o estado de alarma seguiuse a traballar a porta pechada. Deste xeito, as actividades de atención ao público foron substituídas por outras como a elaboración de manuais de boas prácticas relacionados coa biodiversidade, o parque natural, o sendeirismo ou o propio centro de recepción de visitantes, entre outros, a preparación de fichas didácticas de talleres, xogos ou actividades deseñadas para a súa execución durante as charlas ou rutas guiadas, a revisión e proposta de mellora da páxina web ou o deseño de novos roteiros con guía.
Ademais, co fin de manter estes espazos naturais en perfecto estado de conservación, sinalización e limpeza de cara á súa reapertura, tamén se levaron a cabo traballos de mantemento da contorna.
Así, no caso das Fragas do Eume os traballos comezaron o 14 de abril e correron a cargo dunha cuadrilla composta por un xefe de brigada e tres peóns, dotados dos vehículos e das ferramentas necesarias. En total, desbrozaron 0,68 hectáreas de monte, cortaron 0,4 hectáreas de herba, procederon á retirada da madeira presente na estrada a Monfero e tamén arrincaron exemplares de crocosmia, unha especie exótica invasora, presente en Xunqueira de Abaixo e outras zonas.
Por todo o exposto, a conselleira agradeceu ao persoal ao servizo da Consellería o traballo realizado durante o estado de alarma tanto nos seis parques naturais cos que conta Galicia -complexo dunar de Corrubedo e Lagoas de Carregal e Vixán, Monte Aloia, Baixa Limia-Serra do Xurés, O Invernadoiro e Serra da Enciña da Lastra, ademais de Fragas do Eume- como no resto de espazos protexidos da comunidade, un labor imprescindible para manter e conservar os valores naturais que atesouran.
Neste sentido, lembrou tamén que este domingo 24 de maio se celebra o Día Europeo dos Parques Naturais, unha efeméride que lembra a declaración hai máis dun século dos primeiros parques naturais do continente, en Suecia, e que nesta ocasión conmemorarase baixo o lema A natureza, boa para a túa saúde.