A corporación municipal
de Tui e a Assembleia Municipal de Valença celebrarán o próximo luns, ás 21 hora
española, no auditorio da Cámara Municipal de Valença, unha sesión plenaria
histórica con motivo do oitavo aniversario da constitución da Eurocidade entre os
dous municipios.
Será a primeira
vez que as corporacións municipais de dous municipios de dous países se celebren
unha reunión conxunta para abordar o seu futuro. Dende Tui e Valença fíxase
unha periodicidade anual para estas sesións, con carácter rotatorio de tal
xeito que cada ano será acollida por un dos municipios, e se rexerá pola
normativa aplicada no país onde ten lugar.
A asemblea do
próximo luns será presidida conxuntamente por Alberto Luís Oliveira Vilas, presidente
da Assembleia Municipal de Valença e por Enrique Cabaleiro González, alcalde de
Tui. Tres son os puntos que figuran na orde do día: proposta de intercambio das
bandeiras, proxecto Unicidade e desafíos da Eurocidade.
En concreto no
punto primeiro a proposta que se someterá a debate e aprobación é que as
bandeiras dos dous municipios sexan colocadas conxuntamente nos actos municipais
que se celebren en cada concello. Deste xeito, de seren aprobado, en Tui lucirá
xunta a bandeira tudense a de Valença, e en Valença xunto á bandeira valenciana
será colocada a de Tui.
No segundo punto
abordarase o proxecto Unicidade, financiado polo Interreg V España – Portugal 2014-2020
(POCTEP), do que son beneficiarios os dous municipios. Entre os seus obxectivos
está a creación dunha web da Eurocidade onde se recolla información relevante
para os habitantes deste territorio; dinamizar unha axenda estratéxica da
Eurocidade para o período 2019-2021, e elaborar un estudo do futuro da
Eurocidade 2030. Con estas accións perséguese construír unha Eurocidade coma
espazo singular de convivencia e exemplo de cooperación na Península Ibérica e
en Europa.
Xa no punto terceiro
abordarase o futuro da Eurocidade no horizonte temporal do ano 2030.
O alcalde de Tui,
Enrique Cabaleiro, sinala que “é a primeira vez en Europa que se xuntan dúas
corporacións de países distintos para levar a cabo un pleno de carácter
institucional e simbólico”. O rexedor tudense apuntaba que “con este acto pretendese
enviar tamén unha mensaxe do importante que foi e que é a construción europea”
facendo fincapé nas excelentes relacións entre Tui e Valença.
O convenio
de Cooperación para a Creación da Eurocidade
Tui-Valença foi asinado o 10 de febreiro de 2012.