Este xoves, 5 de maio, celebrarase esta nova sesión, ás 19.00 horas

Os medicamentos personalizados

Carmen Álvarez, catedrática de Tecnoloxía Farmacéutica da Universidade de Santiago.
 Os avances recentes no eido da tecnoloxía farmacéutica permiten expor un cambio de paradigma, desde un medicamento igual para todos a medicamentos personalizados en cando a doses, morfoloxía e perfil de cesión, incluíndo a posibilidade de modular o acceso do fármaco ao seu lugar de acción en resposta a determinados biomarcadores que informan sobre a evolución da enfermidade.

A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) e a Deputación de Pontevedra promoven a terceira edición do “Ciclo de Conferencias Aida Fernández Ríos”, unha actividade gratuíta destinada a espertar o interese do gran público sobre temas de actualidade científica con repercusión social e impulsar o enorme labor científico levado a cabo en Galicia.

O ciclo consta de dous bloques, un primeiro con seis relatorios impartidos por oito recoñecidos expertos entre abril e xuño, e un segundo bloque con cinco conferencias dirixidas a institutos de Secundaria e Bacharelato durante o inicio do curso académico 2022-202 -de setembro a decembro-.

Mañá xoves, 5 de maio, celebrarase unha nova sesión, ás 19:00 horas, de xeito online -o enlace obtense unha vez rexistrados na páxina web da Deputación-. Estará moderada pola vicepresidenta da RAGC e coordinadora do ciclo, Alicia Estévez. Asistirá ademais a deputada de Cohesión Social da Deputación de Pontevedra, Olga García.

PARA MELLORAR A CALIDADE DE VIDA

Carmen Álvarez Lorenzo, catedrática de Tecnoloxía Farmacéutica da facultade de Farmacia da Universidade de Santiago e Académica Numeraria electa da RAGC, afondará na tecnoloxía farmacéutica na era da medicina personalizada. Explica que “cada persoa é única. O seu material xenético é diferente e iso condiciona, entre outros aspectos, tanto a susceptibilidade a enfermidades como a súa resposta aos tratamentos farmacolóxicos”.

A experta indica que “o mellor coñecemento das peculiaridades de cada ser humano está a abrir a posibilidade de abordar o coidado da saúde de maneira personalizada. Xunto coa selección do fármaco máis axeitado para unha determinada patoloxía, a análise de en que cantidade, a que velocidade e a que lugar do organismo debe chegar é fundamental para optimizar o efecto farmacolóxico e minimizar os efectos secundarios”.

Tal como salienta a investigadora, os avances recentes no eido da tecnoloxía farmacéutica permiten expor un cambio de paradigma, desde un medicamento igual para todos a medicamentos personalizados en cando a doses, morfoloxía e perfil de cesión, incluíndo a posibilidade de modular o acceso do fármaco ao seu lugar de acción en resposta a determinados biomarcadores que informan sobre a evolución da enfermidade.

“A materialización de medicamentos personalizados é xa posible grazas ás novas estratexias nanotecnolóxicas, á aplicación de procedementos de impresión 2D e 3D e á incorporación de dispositivos electrónicos” -manifesta Carmen Álvarez-. Trátase dun campo que, aínda que incipiente, abre un amplísimo abano de posibilidades de preparación de medicamentos feitos a medida, que van contribuír nos vindeiros anos a mellorar sensiblemente a calidade de vida das persoas.

A inscrición para participar gratuitamente en todas as conferencias debe realizarse a través da web da Deputación de Pontevedra. Os participantes poderán solicitar un certificado de asistencia.