A Medalla do Parlamento de Galicia deste ano recoñecerá á  cooperación transfronteiriza entre Galicia e a Rexión Norte de Portugal

Medalla do Parlamento de Galicia.
Esta suma de esforzos ao longo de máis de tres décadas abriu camiños pioneiros no ámbito da cooperación transfronteiriza na Unión Europea, convertendo á Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal nun modelo a seguir como espazo de confluencia do traballo de diferentes entidades e organizacións de Galicia e da Rexión Norte de Portugal.

A Medalla do Parlamento de Galicia deste ano recoñecerá á  cooperación transfronteiriza entre Galicia e a Rexión Norte de Portugal, focalizando este recoñecemento na Comunidade de Traballo Galicia-Norte de Portugal, como entidade pioneira que, desde a lealdade institucional aos dous estados, abriu camiños neste ámbito no conxunto da Unión Europea.  O acordo foi adoptado este mes de febreiro, por unanimidade, pola Mesa da Cámara logo da proposta efectuada polo presidente do Parlamento. Miguel Ángel Santalices Vieira.

A Medalla será entregada ao actual titular rotatorio da Comunidade de Traballo, o presidente da Comissão de Coordenação e Desenvolvimento Regional da Região Norte de Portugal, Antonio Cunha, nun acto que se celebrará a principios de abril no Pazo do Hórreo.

O 31 de outubro de 1991 constituíuse en Porto -logo de diferentes traballos previos- a Comunidade de Traballo Galicia-Norte de Portugal ao abeiro do Acordo Constitutivo, elaborado en virtude do Convenio Marco Europeo sobre Cooperación Transfronteiriza entre Comunidades e Autoridades Territoriais do Consello de Europa de 1980. Contaba co apoio da Unión Europea e dos gobernos centrais de España e Portugal nun contexto de estrito respecto ás soberanías nacionais.

Esta Comunidade de Traballo, impulsada pola Xunta de Galicia e pola Comissão de Coordenação e Desenvolvimento Regional da Região Norte de Portugal, permitiu institucionalizar e intensificar as relacións entre as dúas rexións, tanto co respaldo económico de diferentes iniciativas comunitarias transfronteirizas, como doutro tipo.

A Presidencia da Comunidade de Traballo corresponde, alternativamente, cunha periodicidade bianual, aos presidentes da Xunta de Galicia e da Comissão de Coordenação e Desenvolvimento Regional da Região Norte de Portugal.

A posta en marcha da Comunidade de Traballo Galicia-Norte de Portugal propiciou, simultaneamente, o achegamento e a colaboración entre outras organizacións públicas e privadas dos dous países.

Esta suma de esforzos ao longo de máis de tres décadas abriu camiños pioneiros no ámbito da cooperación transfronteiriza na Unión Europea, convertendo á Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal nun modelo a seguir como espazo de confluencia do traballo de diferentes entidades e organizacións de Galicia e da Rexión Norte de Portugal.

A xuízo da Mesa do Parlamento, o que outrora era unha fronteira celosamente gardada polas autoridades dos dous países, converteuse hoxe, grazas a ao traballo de uns e outros, nun vizoso espazo de intercambio, colaboración e entendemento.

A Eurorrexión integrada por Galicia e o Norte de Portugal configúrase  como un espazo de forte interrelación social, económica e cultural, pleno de oportunidades e cun gran potencial de desenvolvemento. O territorio constituído polas dúas rexións ocupa unha superficie total de 51.000 quilómetros cadrados e conta cunha poboación de 6,4 millóns de habitantes.

EDICIÓNS ANTERIORES

Nas anteriores edicións, a Medalla do Parlamento de Galicia foi entregada aos/as expresidentes/as do Parlamento de Galicia (2006); Comisión dos 16 (autores do anteproxecto de Estatuto de Autonomía de Galicia, en 2017); Cáritas diocesanas, COGAMI e Aldeas Infantiles SOS (2018); e á emigración galega (entregada aos 14 centros e entidades que integran a Comisión delegada do Consello de Comunidades Galegas, como lexítimos representantes do conxunto da emigración galega de todos os tempos, na edición de 2019).

No ano 2020, a Medalla do Parlamento de Galicia non foi concedida porque a Cámara se atopaba disolta na data prevista para o acto de entrega que coincidía, ademais, co confinamento derivado da primeira onda da covid-19.

No ano 2021 a Medalla do Parlamento foi entregada ás fundacións que perpetúan o legado da Xeración Nós, mentres que na edición de 2022 se recoñeceu o labor das institucións estatutarias (Valedor do Pobo, Consello de Contas e Consello da Cultura Galega), pola súa contribución  ao afianzamento do autogoberno.

Desde a súa primeira edición, a Medalla do Parlamento de Galicia veuse entregando o 6 de abril de cada ano, aniversario da promulgación do Estatuto de Autonomía de Galicia. Este ano, a entrega adiantarase ao 4 de abril, por cadrar na semana santa.